Xuventude e educación non formal

ORDE do 26 de febreiro de 2015 pola que se regula o certificado de experiencias de educación non formal en materia de xuventude.

O certificado de experiencias de educación non formal en materia de xuventude é un instrumento de acreditación oficial da participación en programas organizados polo órgano directivo competente en materia de xuventude e dos que se deriva a adquisición de coñecementos, habilidades e aptitudes que contribúen ao desenvolvemento persoal dos/das participantes, enriquecen o seu currículo vital e favorecen unha participación activa na sociedade.
Ten por finalidade confirmar a participación nun programa específico do órgano competente en materia de xuventude, darlle visibilidade á aprendizaxe non formal adquirida e validar as competencias asumidas, contribuíndo, deste xeito, a mellorar as posibilidades de emprego da mocidade galega, mediante a súa achega ao currículum vítae.

Os programas dos cales se deriva o dereito á expedición do certificado de educación non formal en materia de xuventude son Iniciativa Xove, Erasmus +, Xuventude en acción, A xuventude no mundo, Campos de traballo e Galeuropa.

Competencias e habilidades que se certificarán:

1º. Traballo en equipo.
2º. Aptitudes interculturais.
3º. Aptitudes comunicativas.
4º. Mellora de habilidades en linguas estranxeiras.
5º. Aptitudes organizativas, de planificación e toma de decisións.
6º. Aptitudes sociais profesionais (puntualidade, cumprimento das normas, realización de traballos asignados…).
7º. Competencias sociais e cívicas/participación activa na sociedade.
8º. Creatividade.
9º. Sentido da iniciativa e espírito emprendedor.
10º. Conciencia e expresión culturais.
11º. Confianza, autonomía e iniciativa persoal.
12º. Outras.

Para solicitar o certificado de educación non formal en materia de xuventude, as persoas interesadas deberán presentar, debidamente cuberto, o formulario de solicitude modelo BS325A
A persoa solicitante deberá indicar as actividades e tarefas realizadas no ámbito do programa en que participou e poderá marcar todas ou algunha das áreas de competencia e habilidades sinaladas, en función das actividades (realizadas de xeito individual ou en equipo) que as fundamentan.

Solicitudes en https://sede.xunta.es co código de procedemento BS325A