Xuventude crea

Aberto o prazo para participar no certame ‘Xuventude crea’ que premiará aos mozos e mozas pola súa habilidade artística PDF Imprimir

Segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), no mesmo poderán participar mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos cumpridos no ano 2013

Como novidade e co obxectivo de axudar á mocidade na súa inserción laboral, o xurado estará composto por profesionais que ocupan postos de decisión en cada un dos sectores implicados no concurso

O prazo de participación estará aberto ata o 31 de xullo de 2013 e cada unha das especialidades contará con tres premios

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, vén de convocar o programa ‘Xuventude Crea’ nas especialidades de teatro, artes plásticas, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, moda e deseño de xoias.

Segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), no mesmo poderán participar mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos cumpridos no ano 2013. Salvo no caso das especialidades de teatro, música, banda deseñada e graffiti, a participación será sempre a título individual. Todas as obras terán que ser en galego, orixinais e inéditas.

Como novidade e co obxectivo de axudar á mocidade na súa inserción laboral, o xurado estará composto por profesionais que ocupan postos de decisión en cada un dos sectores implicados no concurso, o que permitirá aos participantes poñer as súas creacións en contacto co mundo empresarial dun xeito directo.

O prazo de participación estará aberto ata o 31 de xullo de 2013 e cada unha das especialidades contará con tres premios: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros. As obras dos premiados quedarán en posesión da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

No ámbito musical poderán participar solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea. Admitirase que ata un 25% dos compoñentes do grupo supere os 30 anos, o mesmo que ocorre para teatro, e poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical cos participantes que se presenten como solistas.

En canto ao relato breve, as obras deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 5 páxinas e máxima de 10, mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara; mentres que para poesía o tema e a técnica serán libres. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100.

Os participantes de videocreación só poderán presentar obras que non teñan concedidas axudas económicas da Administración autonómica para a súa realización, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes. O tema será libre, mais deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental. Enténdese por experimental a obra que se sitúa fora dos códigos convencionais, que aposta por fórmulas audiovisuais onde se dá prioridade á subxectividade.

En canto á banda deseñada, de temática libre, a técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas. En caso de que a obra fose en formato dixital, a parte dunha versión impresa deberá xuntarse un CD ou DVD cos arquivos orixinais. Cada obra deberá levar pseudónimo e título.

Nas obras de graffiti o tema e a técnica serán libres e os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros.

Para os carteis a participación será a título individual. O tema do cartel será: “As redes sociais e as novas tecnoloxías”. A técnica será libre dentro dos límites usuais, para permitir unha normal reprodución fotomecánica.

Para acceder á categoría de deseño de xoias a colección estará composta por tres pezas. Xunto coa documentación os participantes presentarán unha fotografía de cada unha das tres xoias, que poderán ser tanto para home como para muller.

No apartado de moda os participantes presentarán unha colección coherente de 5 modelos de home ou muller. Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas con deseño de fronte e de costas. Así mesmo, haberá que engadir unha ficha técnica da colección e mostras dos tecidos que se empregarán na súa confección.