Xuventude crea 2014

xuventude_crea_2014A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado convoca o Programa Xuventude Crea nas especialidades de teatro, artes plásticas, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, moda e deseño de xoias.

Poderán participar mozos ou mozas galegos/as ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade feitos no ano 2014.
Salvo no caso das especialidades de teatro, música, banda deseñada e graffiti, a participación será sempre a título individual.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 30 de xuño de 2014.

Premios por cada unha das especialidades:
– Un primeiro premio de 3.000 €.
– Un segundo premio de 1.500 €.
– Un terceiro premio de 1.000 €.
As obras dos/as participantes premiados/as quedarán en posesión da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Teatro:
Poderán concorrer grupos teatrais, non profesionais, compostos por mozos ou mozas galegos/as ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2014. Admitirase que ata un 25% dos/as compoñentes do grupo supere os 30 anos ou teñan entre os 14 e 16 anos.

Artes plásticas:
Establécense as seguintes modalidades: pintura, escultura e fotografía.

Música:
Poderán concorrer solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea.
Admitirase que ata un 25% dos/as compoñentes do grupo supere os 30 anos. Tamén poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical cos/as participantes que se presenten como solistas.

Relato breve:
As obras serán orixinais, inéditas e en galego.
O tema será libre.
As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 5 páxinas e máxima de 10, mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN-A4, e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar.

Poesía:
As obras serán orixinais, inéditas e en galego.
O tema e a técnica serán libres.
As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100, a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN-A4 e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar.

Videocreación:
As obras serán orixinais, inéditas e en galego.
Quedan excluídas deste certame todas as obras que teñan concedidas axudas económicas da Administración autonómica para a súa realización, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes.
O tema será libre, máis deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental. Enténdese por experimental a obra que se sitúa fora dos códigos convencionais, que aposta por fórmulas audiovisuais onde se dá prioridade á subxectividade.

Banda deseñada:
As obras serán orixinais e inéditas.
A temática será libre, con textos en galego.
A técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor.
O formato deberá ser en DIN A-4 ou DIN A-3 e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas. En caso de que a obra fose feita en formato dixital, á parte dunha versión impresa deberá xuntarse un CD ou DVD cos arquivos orixinais.
Cada obra deberá levar pseudónimo e título.

Graffiti:
As obras serán orixinais, inéditas e, de ter texto, este estará en galego.
O tema e a técnica serán libres.
Os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros.

Carteis:
A participación será a título individual.
As obras serán orixinais, inéditas e en galego.
O tema do cartel será: “Conmemoración dos 800 anos de peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela“.
A técnica será libre dentro dos límites usuais, para permitir unha normal reprodución fotomecánica.
As obras presentaranse en formato vertical cunhas dimensións de 50 × 70 cm, montadas en superficie ríxida (cartón pluma) que facilite a súa manipulación, e deberán estar feitas en formato dixital para poder facer as modificacións que a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado considere oportunas. Presentaranse suficientemente protexidas e montadas sobre un soporte ríxido e desmontable que permita a súa perfecta exposición.

Deseño de xoias:
A colección debe ser orixinal e estará composta por 3 xoias.
Xunto coa documentación indicada no artigo 4 desta disposición, e no mesmo sobre, os/as participantes presentarán:
– Unha fotografía de cada unha das 3 xoias que poderán ser tanto para home como para muller.

Moda:
As coleccións deben ser orixinais.
Os/as participantes presentarán:
Unha colección coherente de 5 modelos de home ou muller. Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mm x 420 mm), con deseño de fronte e de costas.
Ficha técnica da colección e mostras dos tecidos que se empregarán na súa confección.

Máis información no DOG do 7 de maio de 2014 e en https://sede.xunta.es co procedemento BS310Q