Vacacións en Paz

Un ano mais o Concello de As Pontes abre o prazo para participar como familia acolledora no programa Vacacións en Paz en colaboración coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (www.sogaps.org). O prazo para presentar as solicitudes está aberto ata o 25 de Novembro.

Vacacións en Paz é un programa de acollemento para nenos e nenas de 7 a 12 anos durante os meses de verán. Preséntanse nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Tratase, xa que logo, de ofrecerlles a estas nenas e nenos, nados no medio dun clima de guerra, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa, non so na súa formación, senón tamén en mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre os pobos de España e o Pobo Saharauí.

Estes nenos naceron nos campamentos de refuxiados saharauís situados dende fai máis de 33 anos na zona da Hamada alxeriana en Tindouf, preto da fronteira alxeriano-Saharauí; é dicir, son fillos dos Saharauís que abandonaron os seus fogares ante a represión, invasión e ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio do antigo Sáhara español en 1975. A vida destes nenos, nados no exilio, transcorre nas mesmas circunstancias como o resto da poboación saharauí, privada do máis elemental e sobrevive dificilmente grazas á axuda internacional. Dende o punto de vista afectivo, España representa algo especial para os saharauís polos lazos históricos, culturais e humanos. De feito, os Saharauís pertencen á comunidade de hispano-falantes e aínda conservan con esmero o español como segundo idioma.

Animádevos a participar neste programa de acollida que tantos beneficios reporta aos nenos e nenas do Sáhara xa que durante a súa estancia, os menores aumentan obxectivamente os seus coñecementos da lingua española e galega, melloran considerablemente os hábitos hixiénicos, desfrutan de actividades de tempo libre en contacto con nenos e nenas galegos, comparten outra cultura e outro sistema de vida, ademáis de ter la posibilidade de coñecer un entorno diferente ao deserto no que viven e ver cousas das que só escoitaron falar .Pola súa parte todos eles aportan ás familias de acollida unha nova perspectiva, facéndolles valorar o “mundo” no que viven. Moitas familias sinalan cambios na actitude dos seus fillos e unha maior sensibilidade cara os menos favorecidos. Pensando precisamente nos nenos e nenas de aquí queremos darvos a coñecer o libro Irene no Sáhara que é un conto da ONGD Solidariedade Internacional que achega aos mais pequenos a cultura e o modo de vida de este pobo.(pincha na imaxe se queres ver o conto)

COMPROMISO DAS FAMILIAS ACOLLEDORAS

  • Asistir ás reunións informativas convocadas por Solidariedade Galega do pobo Saharauí.

  • Coidar e manter o neno ou nena

  • Acompañalo ás revisións médicas.

  • Acompañalo nas actividades organizadas pola Asociación

  • -Informar semanalmente o coordinador de zona da situación do neno ou nena

  • -Entregarllo aos representantes da Asociación o día, hora e lugar sinalado para a súa volta aos campamentos, unha vez termine o Programa Vacacións en Paz.

  • -Se o neno precisase tratamento médico, a familia notificarallo a responsable da comisión médica da Asociación ou ben a responsable do programa “Vacacións en Paz”.

  • -Non incoar ningún expediente de adopción ou acollemento temporal respecto dos nenos acollidos deste programa.