San Sadurniño e o ISSGA organizan un obradoiro sobre a prevención de riscos laborais na gandaría de leite

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral -dependente da Consellería de Traballo- colabora co Concello de San Sadurniño na organización dunha xornada centrada na seguridade laboral dentro das explotacións de vacún de leite. O obradoiro desenvolverase o 12 de xuño e ofrécense 25 prazas. As inscricións haberá que facelas antes do día 9 no enderezo electrónico desenvolvementorural.issga@xunta.es ou enviando un fax ao 981 897 555. Tamén se pode tramitar a inscrición a través das oficinas municipais de Orientación Laboral e de Desenvolvemento Local.

O obradoiro celebrarase no salón de sesións da casa do Concello. Comezará ás 10.30 h. cunha parte teórica na que se falará de como deben ser os espazos de traballo -cortes, silos, salas de muxidura, etc.- para evitar accidentes, pero tamén dos riscos derivados de traballar en solitario, de manexar gando, de andar con fertilizantes -principalmente o xurro- e de usar produtos fitosanitarios. O temario tamén inclúe a xestión preventiva das instalacións e as precaucións que sempre se deben ter cando se manexa o tractor ou calquera outra maquinaria agrícola. A xornada rematará cara ás 14.30 horas e completarase coa visita a unha explotación gandeira.

Esta actividade vai dirixida a persoas maiores de idade que traballen ou traballasen nunha explotación leiteira. Deberán estar empadroadas no concello ou nalgún municipio da zona. As inscricións haberá que facelas antes do día 9 de xuño no enderezo electrónico desenvolvementorural.issga@xunta.es ou enviando un fax ao 981 897 555. Tamén se pode tramitar a inscrición a través das oficinas de Desenvolvemento Local e de Orientación Laboral de San Sadurniño. O formulario de solicitude normalizado está dispoñible na web do ISSGA ou na seguinte ligazón.

Mais info: Concello de San Sadurniño