sabado 18 concurso Musicaula

O concurso Musicaula chega o sábado a As Pontes coa participación de cinco grupos musicais
A cita, que terá lugar no Colexio Santa María, contará coa actuación de La Sonrisa de Julia como artista convidado. As Pontes acollerá este sábado unha das semifinais do certame musical Musicaula, organizado por DP Music Entertainment co fin de dar unha oportunidade a todos eses grupos musicais escolares que se atopan por todo o país. O certame xa viviu as súas primeiras semifinais, celebradas as pasadas semanas en Valencia e Teruel, e agora chega a As Pontes con cinco grupos preseleccionados que chegan de institutos de Vigo, Cee, Burgos, Xixón e Santiago de Compostela. Esta semifinal conta co respaldo do Concello de As Pontes, a través do departamento municipal de Xuventude, e terá como escenario o patio do colexio Santa María. Por alí pasarán os grupos Persé (Santiago de Compostela ), Ranas Blancas (Xixón), Distance (Cee), Crabmen (Burgos) e Electros (Vigo) para gañarse o respaldo do público e alcanzar a fase final deste certame musical. Asemade, estes artistas noveis contarán coa compaña dun grupo xa ben coñecido como é La Sonrisa de Julia que tamén actuarán como broche de ouro a esta cita.
No tocante aos horarios, ás 18.00 horas abriranse as portas do recinto escolar e xa ás 19.00 horas terán lugar as diferentes actuacións para rematar ás 22.15 horas. A entrada será totalmente gratuíta.