Rehabilitación da Escola das Campeiras

A empresa pontesa Maren encargarase da rehabilitación da Escola das Campeiras por 95.000 euros
O goberno municipal adxudicou, o pasado venres, as obras de rehabilitación integral da escola unitaria do barrio das Campeiras por un total de 93.493,11 euros. Estes traballos, orzamentados nun inicio en case 120.000 euros e que contan co deseño do estudo arquitectónico local Compass, serán cousa da empresa local Maren e está previsto que arrinquen entre esta semana e a que ven, debendo estar rematados a finais de outubro. Deste xeito, o executivo pontés pretende recuperar un edificio que se convertirá na primeira escola de reciclaxe de toda Galicia e que ofrecerá obradoiros, cursos e actividades do máis diversas tanto para escolares coma para adultos. Así as cousas, con estas novas instalacións e mediante os servizos que se ofrecerán ao seu abeiro o que se busca por parte do goberno que dirixe Valentín González Formoso é formar e sensibilizar á cidadanía de todas as idades con respecto á importancia do reciclado correcto dos refugallos, co fin de fomentar o aforro no tratamento dos residuos sólidos no concello e o coidado do noso entorno. Unha vez restaurado este espazo, a súa xestión será cousa do Concello e tamén da asociación de veciños do barrio das Campeiras que traballarán conxuntamente para ofrecer tanto formación aos escolares coma ao público adulto nun campo tan importante como é o da reciclaxe e o coidado do medio ambiente.A escola estará especialmente enfocada ás visitas dos escolares, tanto do municipio como da comarca e a comunidade. «Pretendemos fomentar a educación ambiental na sociedade, especialmente a través dos colexios, aínda que tamén poderán participar adultos», explicou o concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Antonio Castro.