Rapaces, rapazas e móbiles

O tiqui tiqui

Eu chamo “tiqui tiqui”, falando de brincadeira coas miñas netas, ao xeito que teñen de manipular o móbil, en realidade a mesma habilidade que teñen todos os rapaces e rapazas da súa idade. A axilidade con que se pasan mensaxes ou buscan, e atopan, información na rede, xa ten revolucionado o seu xeito de comunicarse e mesmo o de vivir. Poderiamos dicir que no noso país, un tanto por cento moi elevado dos nenos e nenas, dende os dez ata os dezaoito anos dispón, como mínimo, dun destes aparellos e a cantidade vai in crescendo.

As súas vantaxes son indubidables, comunicación, información, música, fotografía, xogos, vídeos, (WhatsApp, SMS’s, Internet, Telefono)….etc, todo elo nun trebello que lles cabe no peto e, que gobernan á perfección dende moi novos. De feito case poderiamos dicir que naceron con el nas mans.
Ata aquí todo moi ben, todo perfecto, pero hai unha faceta negativa e por riba moi preocupante e perigosa que hai que corrixir con urxencia. O abuso, cada neno con cadanseu móbil dálle que dálle todo o dia, estase convertendo, se non o está xa, nunha dependencia e adición colectiva que é, dalgún xeito, como unha droga.
Os perigos deste mal uso que son moitos, está dando lugar a novas formas de delincuencia: Sexting, Sextorsión, Acoso, Citas on-line con descoñecidos e  pornografía, e mesmo a discusións familiares, fracaso escolar, trastornos físicos e psíquicos na conduta e falta de comunicación oral por citar algúns exemplos.
Á vista da gravidade desta situación, faise necesario tomar medidas por medio dunha imprescindible prevención, establecendo normas e límites para unha utilización responsable con implicación directa dos pais e dos educadores. Penso que a cousa é tan seria que xustificaría a creación dun equipo, en cada comunidade autónoma, conformado por psicólogos, psiquiatras, mestres, médicos e cantos profesionais se estimen necesarios, co gallo de facerse cargo do problema e de indicar o camiño a seguir a pais e colexios, para lle dar unha cumprida solución. Hoxe máis que nunca é necesario, imprescindible, que tódolos colexios conten con un psicólogo no seu cadro de profesores, especializado en educación infantil e con dedicación exclusiva.
O “tiqui-tiqui” está moi ben e ata pode ter a súa gracia, pero é preciso aplicarlle unha ben estudada e axeitada regulamentación.
A solución non e doada, por iso é tan necesario como urxente atopala..

Diario de Ferrol