Programación cultural das Festas do Carmen

 

 

 Con motivo da celebración das festas patronais, o Concello de As Pontes, a través da Concellería de Cultura, elaborou un intenso programa con máis dunha ducia de actividades, pensadas para os ponteses de todas as idades, que arrincará o vindeiro 14 de xullo e que se prolongarán ata un día antes da celebración da Festa da Fraga.

O programa comezará o día 14, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal Alovi coa XXXIII Mostra de Música Coral que dará paso, ás 22:30 horas, a presentación na praza de América do espectáculo musica, Son galego, son cubano, da Rede Cultural 2018 da Deputación da Coruña, dirixido por Roi Casal e no que se renderá homenaxe á emigración galega en Cuba.

O domingo será a quenda para a danza. Os ponteses poderán gozar, no pavillón municipal, a partir das 22:30 horas, de Son, espectáculo da compañía Nova Galega de Danza no que fusionan a danza tradicional galega co baile contemporáneo e o flamenco, tamén pertencente á programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

O 16 de xullo, o día do Carme, comezarán as sesións de cine ó aire libre coa proxección de títulos para todos os públicos como La la landCoco ou Gru 3, mi villano favorito. De luns a xoves, ás 22:30 horas, os poboados da Magdalena, do Barreiro, o patio do colexio Santa María e a praza do Conservatorio converteranse en improvisadas salas de cinema.

Para os máis pequenos da vila, o departamento de Cultura sacará, de xoves a sábado, a biblioteca á rúa grazas á iniciativa Parque Activo coa que ofrecerá unha proposta de ocio alternativo para os nenos e nenas que se queiran achegar ata os xardíns do Parque Municipal. Contacontos, concertos, espectáculos musicais son algunhas das actividades programadas.

O venres ás 20:00 horas darán comezo, de xeito oficial, as festas patronais. O goberno local convida a todos os veciños e visitantes a sumarse a este momento e asistan á lectura do pregón das festas, a cargo do colectivo dos músicos, que terá lugar ás 20:00 horas, nos xardíns municipais e ás 23:00 horas dará comezo o espectáculo multimedia nocturno Contigo Avó que fará que os espectadores viaxen ós recordos das primeiras festas que vivían xunto cos seus avós.

O sábado, 21 de xullo, todos aqueles que non tiveron a oportunidade de asistir a súa estrea, poderán achegarse ata a Casa Dopeso, ás 19:00 horas, para ver a proxección do documental Pedrón do Freixo. E ó igual que en anos anteriores, este mesmo día, ó finalizar a verbena procederase á elaboración da alfombra floral. Este ano, como novidade, o luns, 23 de xullo, ás 11:00 haberá un taller de alfombrismo infantil no que se achegará ós máis pequenos a esta forma de arte.

Xa o domingo, celebrarase o XXII Certame de Bandas, ás 19:30 horas, no Auditorio Municipal e nel participarán agrupacións musicais chegadas de Narón e Arteixo.  O luns, 23 de xullo, a área de Cultura ten programada unha festa infantil no Parque Municipal con inchables, xogos e unha festa da escuma para o goce dos máis pequenos da localidade e, pola noite, a veciñanza poderá presenciar unha nova edición do Festival Folclórico Internacional que achegará ós asistentes á cultura, á danza e á música doutros continentes. Será no pavillón municipal, a partir das 20:30 horas.