PROGRAMA DE OBTENCIÓN DO TÍTULO DA E.S.O

O departamento municipal de Servizos Sociais ven de poñer en marcha a segunda edición do seu programa de titorías para a obtención do título de Educación Secundaria Obrigatoria dirixido a adultos. O pasado venres producíase a presentación deste curso no que participarán un total de 26 veciños e veciñas, que se dividirán en dous grupos e que, da man de dúas mestras, recibirán clases de Matemáticas, Ciencias, Tecnoloxía, Xeografía, Música ou Historia para lograr obter, en maio, o título de Educación Secundaria, todo isto de xeito gratuíto e tamén con material que proporcionará o propio Xoncello. A iniciativa vive a súa segunda edición trala boa acollida rexistrada o pasado ano con máis do 90% de alumnos aprobados, e ante a necesidade de ofrecer un recurso formativo imprescindible para aqueles veciños e veciñas que non contan con esta titulación, básica á hora de optar a un emprego.
Así o explicaba o pasado venres o edil José Alén, que animaba aos participantes a estudar e aproveitar estas clases gratuítas para lograr mellorar as súas opcións laborais.E é que poucos son os empregos nos que, hoxe en día, non se esixe contar co título de ESO. Agora por diante quedan tres meses e medio de estudo e de traballo para que, mediante en sesións tanto grupais coma individuais que terán lugar na Casa de Don Pedro, estes alumnos e alumnas logren o tan merecido aprobado no exame que, o 31 de maio, terá lugar no colexio Santa María de Caranza.