Programa de mobilidade transnacional 16-25 anos

A Xunta ofrece en Santiago información sobre ‘Galeuropa’ para mozos e mozas que se poden inscribir ata o 15 de xullo

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar celebrou hoxe en Santiago unha xornada informativa sobre o programa de mobilidade trasnacional xuvenil Galeuropa, dotado con preto dun millón de euros e enmarcado dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo.

O prazo de solicitudes de axudas está aberto ata o 15 de xullo e poden presentar o seu proxecto de mobilidade os mozos e mozas directamente, as entidades sen ánimo de lucro con sede permanente ou domicilio social en Galicia que desenvolvan actividades no eido da xuventude; e concellos, agrupacións ou mancomunidades de Galicia validamente constituídas, así como as entidades resultantes da fusión de municipios.

Os participantes serán mozos e mozas que teñan máis de 16 anos e menos de 25. Estas persoas deberán estar inscritas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito de Galicia e acreditar previamente o cumprimento dos requisitos de acceso.

A finalidade do programa é reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais dos/as mozos/as non ocupados/as e non integrados/as nos sistemas de educación ou formación, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo, ao tempo que se apoia a adquisición de competencias en idiomas estranxeiros.

A duración das prácticas formativas será de dous meses consecutivos, no caso de axudas individuais a mozos e mozas; e máximo de tres meses consecutivos para axudas a proxectos presentados por entidades sen ánimo de lucro e por entidades locais ou agrupacións de entidades locais. As prácticas deberán realizarse como máximo ata o 30 de novembro.

As prácticas formativas non retribuídas poderán realizarse en calquera empresa ou entidade pública ou privada dos seguintes países: Lituania, Hungría, Letonia, Estonia, Turquía, R. Checa, Croacia, Eslovenia, Bulgaria, Romanía, Portugal, Eslovaquia, Malta, Grecia, Bélxica, Luxemburgo, Chipre, Alemaña, Austria, P. Baixos, Italia, Polonia, Francia, Islandia, Suecia, Finlandia, Liechtenstein, Irlanda, Reino Unido, Dinamarca e Noruega. O período de duración das prácticas abarca, dende o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG ata o 30 de novembro como máximo.

A contía da axuda por beneficiario estará en función do país de realización da práctica formativa e en función da duración da mesma. O importe da axuda total incluirá un apoio para os gastos de aloxamento e manutención, sociolingüístico, para a viaxe e para gastos excepcionais. E para os proxectos de mobilidade promovidos polos concellos e entidades sen ánimo de lucro se prevé unha axuda para os aspectos organizativos, á execución do proxecto e ás necesidades especiais.