Programa de actividades de Santa Icía

Tras coñecer, a pasada semana, quen serán os homenaxeados este ano durante os festexos de Santa Icía, xa contamos tamén co programa de actividades que botará a andar este mesmo venres e no que, durante estas últimas semanas, estiveron a traballar conxuntamente a agrupación Ruada e o Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de cultura.

Así, este mesmo venres teremos a primeira das actividades coas que se estreará Santa Icía 2017. Trátase do espectáculo teatral para escolares A nena que quería navegar. O auditorio municipal alovi acollerá esta representación ateigada de música, contos e xogos nos que se aborda unha problemática tan actual como é o acoso escolar.

 

Espectáculo familiar de Redrum sobre o acoso escolar
Sinopse: A Nena está farta de ser o centro das mofas dos seus compañeiros, e por iso foxe da escola coa intención de non volver nunca máis. Na súa aventura topará co Xeadeiro, un ser máxico e vital, que a base de contos, adiviñanzas, xogos e cancións, devolveralle a autoestima perdida. Ensinaralle que dentro de cada un de nós agóchase un ser máxico, único e especial, e que só crendo nas nosas capacidades seremos quen de acadar todo o que nos propoñamos. 
Protagonizada por Guillermo Carbajo, Laura Míguez e Carlos Álvarez-Ossorio, a montaxe dirixida por Álex Sampayo é un espectaculo familiar recomendado para rapaces e rapazas entre seis e doce anos.
Nel Redrum aborda o tema do acoso escolar, tamén coñecido co termo anglosaxón “bullying”.

Xa o sábado celebrarase o primeiro dos dous festivais deste 2017. Nesta ocasión, no Alovi, dende as 6.30, veciños e veciñas poderemos actuar dos grupos No Cómbaro, alfaia, a agrupación coral endesa – as pontes e a rondalla Vila das Pontes. E tamén na noite do sábado pero ás 11, e no colador, terá lugar o tradicional concerto da banda Jin Tony´s Son.

Para a seguinte semana, o martes 21, os protagonistas serán os alumnos e mestres da escola da banda de música, que ofrecerán un concerto dende as 7 da tarde no Alovi e xa o venres 24 tocará desfrutar de todo un clásico radiofónico como é A Gramola, o programa de M80, ao que este ano renderá homenaxe o alumnado do conservatorio de música cun concerto que arrincará ás 7 no Alovi e con entrada gratuíta.

O sábado 25 teremos o día grande de Santa Icía co festival homenaxe, neste caso ao xoves ponteses que adican a súa vida á música. Arrincará ás 6.30 nas dependencias do alovi e contará coas actuacións da banda de Gaitas da escola municipal, o grupo feroces da galgueira, a banda xuvenil e a banda cultural e recreativa de as pontes.

Como peche destes festexos non podía faltar a tradicional homenaxe aos músicos de ribadeume, neste caso, da man dunha misa que terá lugar na propia igrexa desta parroquia dende as 12.15 e que estará cantada polos alumnos do conservatorio da vila. Posteriormente, farase a tradicional ofrenda floral ante o monumento aos músicos da zona e, por suposto, non faltará a música do grupo Canavella.