Programa Aval xóvenes

Traballo impulsa un proxecto de emprego que fomentará a inserción laboral de 50 mozos e mozas a través do
  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presentou hoxe na Coruña esta iniciativa, que terá as súas sedes en Coristanco e Melide
  • Este proxecto, que se inscribe na estratexia comunitaria de Garantía Xuvenil, foi seleccionado entre unha multitude de plans, dos que só uns 15 foron aprobados en toda Europa
  • O obxectivo é acadar entre o 40 e o 50 por cento de inserción laboral dos participantes, que poden proceder de calquera punto da comunidade autónoma
  • Para conseguilo, realizarase un proceso de acompañamento e asesoramento personalizado, ao tempo que se explora e investiga o territorio en busca de oportunidades
  • Os mozos e mozas interesados poden comezar a inscribirse hoxe mesmo

A Consellería de Traballo e Benestar vén de poñer en marcha o programa “Aval xóvenes”, que tratará de fomentar a inserción laboral e mellorar a empregabilidade de 50 mozos e mozas de entre 18 e 25 anos. A iniciativa está orientada especialmente ao emprendemento e autoemprego, aproveitando as oportunidades das zonas rurais.

A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, presentou hoxe esta actuación, nun acto no que tamén estivo presente o coordinador da Estratexia europea de emprego da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Comisión Europea, Gregorio de Castro.

De feito, este proxecto inscríbese no marco da estratexia de Garantía Xuvenil posta en marcha pola Unión Europea, que ten como fin garantir que todos os menores de 25 anos que rematen a súa educación formal ou estean desempregados reciban unha oferta de emprego, de educación continua ou un período de prácticas nun prazo máximo de 4 meses.

Dentro desta estratexia, habilitouse unha convocatoria para iniciativas innovadoras e experimentais. Recibíronse unha multitude de solicitudes, pero só unhas 15 foron aprobadas en toda Europa. Entre as seleccionadas, atópase o programa galego, impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Autoemprego no rural

Os principais obxectivos do plan son dous: crear novas oportunidades de emprego e emprendemento para a mocidade; e, simultaneamente, dinamizar as zonas do rural nas que se desenvolven estas iniciativas. Búscase, polo tanto, aproveitar as vantaxes das áreas rurais, que “posúen uns recursos propios e diferenciados, que se deben explotar para xerar novas oportunidades de emprego e de negocio”, subliñou Mato.

Para acadar estas metas, os participantes contarán cun proceso de acompañamento e asesoramento personalizado. Ao mesmo tempo, realizarase unha investigación do territorio para coñecer as oportunidades que ofrece. Ao conxugar estas dúas actuacións (as potencialidades dos participantes e do contorno), “pódense acadar os resultados buscados”.

As dúas sedes estarán situadas en Coristanco e Melide. Ambas foron elixidas polo elevado número de mozos e mozas que abandonaron esas zonas, así como polo seu potencial para ofrecer oportunidades en eidos como o turismo, a diversificación agraria, os servizos ou as persoas maiores.

Os participantes, que terán como máximo 25 anos e poderán proceder de calquera punto da comunidade autónoma, deberán cumprir algún deste perfís: estar rematando a súa cualificación profesional; tela xa rematada e estar en situación de desemprego; ou estar en paro sen ningunha cualificación profesional.

O proxecto divídese en tres fases. A primeira comeza hoxe mesmo coa apertura do prazo de inscrición para os interesados, que terán 15 días para anotarse (ata o 2 de febreiro) a través da páxina web xuventude.xunta.es. A partir de aí, formaranse os dous grupos de traballo de 25 persoas cada un.

A segunda etapa consiste na orientación de cada un dos participantes cara o proxecto de emprego ou emprendemento máis axeitados ás súas características. A pesares de ter un forte carácter lectivo, durante esta fase tamén se potenciará a parte práctica, integrando aos beneficiarios no marco local e establecendo relacións cos actores do territorio.

Por último, realizarase o obradoiro de proxectos. Nel, os participantes contarán con asesoramento do equipo técnico para ultimar os seus proxectos. O obxectivo final é acadar entre o 40 e o 50 por cento de inserción laboral, aínda que a totalidade dos beneficiarios verán mellorada a súa empregabilidade.

Na realización deste programa colaboran outros socios, tanto públicos como privados, entre os que se atopan a Deputación da Coruña, ou asociacións para o desenvolvemento rural ou empresarios. O orzamento ascende a preto de 200.000 euros, dos que o 90 por cento corresponde a fondos europeos.

MAIS INFO: http://xuventude.xunta.es/2014011712353/proxecto-aval-xovenes-o-traballo-dos-xovenes-aval-para-o-futuro-dos-territorios-rurais.html