Presentación do libro As trovas de Midas de Diana Varela Puñal

O xoves 12 de abril as 18:oo na biblioteca Municipal a escritora Diana Varela Puñal presenta o seu libro As trovas de Midas

“Sendo nena meus pais agasalláronme unha casete de audio cos meus contos preferidos. O éxito foi inmediato e non tardei en reclamar cintas e cintas que esmorecían fastiadas de tanto repetir unha e outra vez a mesma historia. Unha das máis aclamadas era a do Rei Midas: o avarento monarca falaba cun aquel nasal e queixumbroso do que gostaba especialmente. Lembro con nitidez os seus sentidos lamentos ó enxergar o desastre provocado pola cobiza. “Non, ti non, o meu cadeliño fiel…ti non…”, xemía desconsolado por telo convertido nunha estatua de ouro. Vinte anos despois, ó ver por primeira vez os ollos asustados do meu gato, souben que se chamaba Midas. Co paso do tempo e conforme collemos confianza, descubrino asemade coma un troveiro marabilloso coñecedor de centos de lendas e personaxes, que eu, simplemente me limitei a recompilar. Zoe é unha querida amiga súa que lle axuda no espectáculo cando saen de xira percorrendo vilas e aldeas. Bisba a xente asegurando que alí por onde pasan, se de súpeto te detés nun rueiro solitario, paira a doce melodía de Midas.”