Panorama da Educación. Indicadores da OCDE 2014

Fundada en 1961, a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) agrupa a 34 países membros e a súa misión é promover políticas que melloren o benestar económico e social das persoas arredor do mundo. Ven de publicar o informe Panorama da Educación. Indicadores da OCDE 2014

O paro entre titulados triplica á media da OCDE

A taxa de paro dos españois universitarios e con Formación Profesional (FP) superior ascende ao 14%, mentres que a media da OCDE é do 5%, o que significa que no noso país os devanditos niveis de estudos “non” reducen o risco de desemprego como noutros países”, segundo destacou Dirck Van Damme, director de Innovación da OCDE, quen destacou tamén que en España unha persoa con estudos superiores ten un 55% menos de probabilidade de estar desempregado que unha persoa que só alcanzou a ESO En cambio na OCDE esta probabilidade é inferior, cun 63%.

A máis formación, máis soldo
Dispoñer de estudos permite acceder a soldos máis altos, segundo este informe. A diferenza salarial entre os adultos que non alcanzaron a Secundaria de segunda etapa e os que si se mantivo estable entre 2005 e 2011 en torno a un 20%, mentres que as diferenzas entre os adultos con Secundaria e os que posuían formación universitaria aumentou dun 37% en 2005 a un 41% en 2011.

España ten máis poboación sen estudos


Case a metade dos españois de entre 25 e 64 anos, concretamente un 45%, só ten ensino primario ou os primeiros cursos da Secundaria, unha porcentaxe que representa o dobre que a media de países da OCDE (o 24’3%) e da UE (o 23%).

Máis mozos con titulación universitaria
España supera ao mesmo tempo á OCDE e á UE en mozos titulados. Concretamente, un 39’3% da poboación de entre 25 e 34 anos ten unha titulación universitaria ou equivalente, fronte ao 39’2% da OCDE ou o 37% da UE.

Un de cada dous adultos ten o mesmo nivel educativo que os seus pais
Segundo revela a OCDE, un de cada dous adultos de entre 25 e 64 anos, teñen o mesmo nivel educativo que os seus pais. Un 40% teno superior e un 6% inferior.

Os universitarios suspenden en matemáticas e comprensión lectora
No primeiro caso, ocupamos o último posto, cun 10% de mozos con boa nota nesta materia, fronte ao 26% da media. En Suecia, Inglaterra ou Irlanda do Norte esta porcentaxe supera o 35%. No segundo, quedámonos no penúltimo, superados só por Italia, con só o 12% dos estudantes universitarios españois presentan unha comprensión lectora excelente, mentres a porcentaxe media da OCDE é do 24% (países como Finlandia, Australia, Países Baixos, Suecia ou Xapón superan o 35%). Isto supón que España ocupe o penúltimo lugar no ránking, só superado por Italia.
Os alumnos españois reciben máis horas de clase que o resto
Outro dato que destaca este traballo é o relativo ao ratio alumnos/profesorado, que é inferior á media da OCDE nos centros públicos de Secundaria (9 alumnos por profesor en España, 13 alumnos por profesor de media na OCDE), pero está por enriba da media en centros privados (15 alumnos por profesor en España, 13 alumnos por profesor de media na OCDE).
Ademais, os alumnos españois reciben máis horas de clase que no resto da OCDE. En ESO, un total de 4.245 horas lectivas en toda a etapa, fronte ás 2.922 que, de media, dos países da organización.

Os profesores españois son dos mellor pagados
Segundo se revela neste informe, os profesores españois son dos mellor pagados da UE e da OCDE. De feito, os docentes de Secundaria comezan a súa carreira profesional cun salario anual que é un 26% superior ao dos da UE e da OCDE. Ao final da súa carreira, o salario dos docentes do noso país é un 12% superior ao dos da OCDE e da UE.

España, dos países que máis invisten en educación
En 2011, as Administracións Públicas en España dedicaron uns 9.300 dólares por alumno en centros públicos de Educación Infantil a Terciaria, cifra por enriba da media da OCDE, que se sitúa nos 9.000 dólares.

A maioría de alumnos están en centros públicos, aínda que menos que noutros países
Sete de cada dez alumnos que cursan a educación obrigatoria en España (de 6 a 16 anos) estaban matriculados en centros públicos en 2012. Ademais, obsérvase unha tendencia de crecemento na matriculación de alumnos no ensino público.
Non obstante, a proporción de alumnos matriculados en centros públicos está en España por debaixo da media da OCDE en todos os niveis educativos de Educación Infantil a Educación Secundaria de segunda etapa: aproximadamente o 65% de Educación Infantil fronte ao 68% da OCDE; o 68% de Educación Primaria fronte ao 89%; o 69% de Educación Secundaria de primeira etapa (Educación Secundaria Obrigatoria) fronte ao 86% da OCDE; e o 79% dos estudantes de segunda etapa (Bacharelato ou Formación Profesional de Grao Medio) fronte ao 81% da OCDE.
A porcentaxe é elevada tamén no que respecta á educación universitaria, onde arredor do 85% dos alumnos están matriculados en institucións públicas, unha proporción moi superior á media da OCDE (70%).
Panorama de la Educación 2014. Informe Español
Máis informes de Educación da OCDE: http://www.mecd.gob.es/inee/publicaciones/indicadores-educativos/Indicadores-Internacionales/OCDE.html

Fonte: Dirección Xeral de Xuventude