Os retos da cooperación municipalista na consecución dos obxectivos de desenvovemento sostible

 

No marco do plan de actividades do Fondo Galego para este 2017, o vindeiro 31 de maio terá lugar o seminario “Os retos da cooperación municipalista na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”, na EGAP, de 9:30 a 14:30h.

 

Neste seminario subliñarase o papel clave que teñen os municipios para acadar ditos obxectivos, aprobados a finais do 2015 polos estados membros da ONU e que teñen como propósito ser acadados en 2030, logo de que os anteriores Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio se acadaran só parcialmente. Estas metas buscan erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas, uns ambiciosos propósitos nos que os gobernos locais teñen moito que dicir. De aí que o Fondo Galego, integrado por 89 concellos e tres deputacións, organice unhas xornadas para informar sobre esta axenda internacional, xa que o primeiro paso para cumprila é coñecela.

 

Unha delegación ministerial de Guinea-Bissau asistirá ao evento, que contará coa intervención de expertas e expertos de Nacións Unidas, do Instituto Hegoa ou da Comunidade Valenciana.

 

Tanto persoal político e técnico das deputacións e concellos socios do Fondo Galego coma o daquelas administracións locais que aínda non o son está convidado a esta sesión formativa. O seminario vai dirixido, asemade a outros axentes de cooperación, nomeadamente as ONGD, aínda que tamén están abertas á asistencia da cidadanía en xeral que teña interese na temática. A inscrición é de balde e debe formalizarse no enderezo electrónico acorzo@igadi.org ou no teléfono 986 843 436.