Obradoiro de prevención de violencia de xénero a través do móvil

Rapazada, familias e profesorado de San Sadurniño están chamados para participar o próximo martes nun obradoiro co que se busca previr o uso da tecnoloxía da información e a comunicación como ferramenta para exercer a violencia de xénero. Trátase dunha proposta financiada pola Secretaría Xeral de Igualdade dirixida principalmente ao público adolescente na que se pón o acento sobre o perigo dun mal uso das redes sociais e a telefonía móbil nas relacións entre a mocidade, pero tamén sobre como empregalas dunha forma útil. Na segunda parte -aberta a pais, nais e profesionais do ensino- incidirase especialmente sobre como detectar e atallar a tempo condutas tan perigosas coma o ciberacoso ou o sexting.

A cuestión ten un fondo calado social, xa que un estudo da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero realizado entre 8.000 mozos e mozas revela que case un 30 por cento dos adolescentes non considera unha conduta de risco responder a unha mensaxe insultante e alomenos un/unha de cada catro non vería inconveniente en colgar unha foto súa que os pais e nais non autorizarían. E o problema vai a máis xa que se estima que arredor do 65 por cento dos nenos e nenas de entre 8 e 12 anos andan con móbil e a maioría con tarifa de datos para conectarse a internet.

As estatísticas continúan e dannos idea dunha realidade na que moitas veces non se repara malia ser caldo de cultivo para que xurda o acoso e a violencia, exercida principalmente contra do xénero feminino. Whatsapp, Tuenti e as chamadas ao móbil son os medios máis frecuentes para enviar e recibir mensaxes insultantes ou ameazantes. 6 de cada 10 mozas que participaron no estudo manifestaron ter recibido mensaxes deste tipo e un 36 por cento aseguran ter sentido medo. Ademais o 5 por cento das rapazas e o 16 por cento dos rapaces non cren que sexa perigoso subir á rede unha foto súa de carácter sexual e alomenos o 1.1 por cento das mozas e o 2.2 por cento dos mozos din que o fixeron algunha vez.

Nun escenario así cómpre tomar medidas preventivas por medio da concienciación da poboación infantil e xuvenil, das familias e do profesorado. Por iso o departamento de Educación e Igualdade lanzou unha convocatoria entre a comunidade escolar para abordar a violencia de xénero e o novo contexto dixital por medio de dous obradoiros que se celebrarán o próximo martes 13 de xaneiro entre as 15.30 e as 18.30 horas na Casa da Cultura. No primeiro participará o alumnado de 3º e 4º da ESO, mentres que o segundo -a partir das 17h.- está aberto a pais, nais e profesorado. En ambos casos as sesións estarán compostas por tres módulos: unha sobre o uso que se lles dá ás TIC, outro sobre a noción do que é privado, público e íntimo e o terceiro ao respecto dos retos e oportunidades que lles ofrece a tecnoloxía á infancia e á adolescencia.

Quen queira participar no segundo obradoiro -o dirixido a maiores- debe inscribirse contactando coa oficina de Servizos Sociais e Igualdade, ben pasando por alí, ben chamando ao 981 490 027 (ext. 1) ou ben enviando un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.dicoruna.es. Quen non poida ir é conveniente que se informe sobre o problema e que teña conciencia de que detrás de algo tan inofensivo e útil coma un móbil ou un ordenador hai un mundo virtual coas mesmas virtudes e eivas do mundo real. Todos e todas debemos ser conscientes de que o acoso e a violencia -tamén a de xénero- teñen nas tecnoloxías da información e a comunicación un novo aliado e múltiples fórmulas de exercerse. Aí van só algunhas:

1. Distribuír en internet unha imaxe (sexting) ou datos comprometidos de contido sexual, sexan reais ou falsos.
2. Dar de alta á vítima nun sitio web onde pode estigmatizarse ou ridiculizar a unha persoa.
3. Crear un perfil falso en nome da vítima para, por exemplo, realizar demandas ou ofertas sexuais.
4. Usurpar a identidade da vítima para, por exemplo, facer comentarios ofensivos sobre terceiras persoas.
5. Divulgar por internet grabacións con móbiles nas que se intimida, se agrede, se persegue ou se mostran contidos íntimos.
6. Dar de alta en calquera plataforma o correo electrónico da vítima para convertela en branco do spam ou de contactos con persoas descoñecidas.
7. Acceder ao ordenador ou móbil da vítima para controlar as súas comunicacións con tercerias persoas.
8. Facer correr nas redes sociais rumores sobre un comportamento reprochable atribuído á vítima.
9. Perseguir e incomodar á vítima nos espazos de internet que frecuenta habitualmente.
10. Presentarse nun perfil falso diante da vítima coa finalidade de concertar un encontro dixital para levar a cabo algún tipo de chantaxe en liña, como pode ser o grooming ou acoso sexual a menores.
11. Usar as comunicacións móbiles como mecanismo de control da outra persoa, síntoma dunha relación posesiva que mesmo pode derivar en violencia física ou que, de feito, xa vai acompañada dela.