Obradoiro de fotografia

A Deputación da Coruña organiza con motivo da convocatoria do XI Premio de Creación Fotográfica Luís Ksado un obradoiro a cargo da medalla de ouro de Belas Artes Isabel Muñoz. Será o próximo venres, día 3 de outubro, de 10.30 a 13.30 e de 17.00 a 19.00 horas.

A Master Class suma xa 167 inscritos. O prazo para anotarse continuará aberto ata o xoves. A xornada é de balde ata completar as prazas e as persoas interesadas poden inscribirse a través de info@premiosdeputacion.org indicando o nome e apelidos, teléfono de contacto, enderezo, DNI e profesión. As charlas celebraranse na Escola de Artes e Oficios Pablo Picasso.

Biografía

Isabel Muñoz decide facer da fotografía a súa profesión en 1979 matriculándose en Photocentro. No 1986 realiza a súa primeira exposición “Toques”, á que seguirán moitas outras por todo o mundo. Así, podemos atopar obras da fotógrafa na Casa Europea da Fotografía (MEP) en París, no New Museum of Contemporary Art de New York ou no Contemporary Arts Museum de Houston, entre outros.

Foi medalla de Ouro na Bienal de Alejandría (1999), segundo premio de The Arts Stories na XLIII edición do World Press Photo por “Chines Martial Arts Training” e terceiro premio “Portraits Stories” na XLVIII edición do World Press Photo por “The Surma people of Etiopia”.

Cancelada a clase de Samuel Aranda

Pola contra, o obradoiro previsto para este mércores impartido por Samuel Aranda (premio WorldPress Photo 2011) cancélase porque o fotoxornalista está actualmente en Serra Leona.

A Deputación valora organizar unha nova master class ao seu regreso ao redor do mes de outubro.

Concesión do xurado

En canto ao premio de fotografía Luís Ksado, o xoves elixirase ao gañador desta XI edición. O xurado está composto por Xurxo Lobato, comisario do premio, Manuel López, Isabel Muñoz e Silvia Omedes.

Para completar o programa de actividades a Deputación está organizando unha exposición antolóxica polos dez anos do galardón composta polas obras dos gañadores nas distintas edicións. A intención é que non só percorra cidades galegas senón tamén do resto de España.

Ademais, este ano a homenaxe a un fotógrafo histórico será para Manolo Blanco, o fotógrafo compostelán que dedicou a súa carreira profesional ao xornal El Correo Gallego.