O ciclo de conferencias sobre a universidade continuará o 19 no campus de Ferrol con Xavier Grau

O ciclo de conferencias “A universidade pública posible” organizada pola UDC dentro da programación do seu 25 aniversario e que viviu a súa primeira sesión o pasado día 4 coa participación de Federico Mayor Zaragoza na Facultade Ciencias da Educación da Coruña, continuará a vindeira semana, concretamente o xoves 19, no campus de Ferrol.
O salón de actos de Esteiro acollerá, a partir das doce da mañá, a intervención do catedrático catalán Francesc Xavier Grau Vidal, que falará da “Universidad glocal”. Grau Vidal foi reitor da Universitat Rovira i Virgili entre 2006 e maio de 2014. Doutor en Ciencias Químicas pola Universidade de Barcelona e catedrático de Mecánica de Fluídos, é autor e coautor de máis de cen publicacións en libros e revistas científicas.
A súa actividade investigadora materializouse en máis de vinte proxectos de investigación e desenvolvemento con empresas. Foi ademais presidente da Asociación Catalana de Universidades Públicas (2011-2013) e vicepresidente primeiro, no pasado curso académico, da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas.
A conferencia está aberta á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral, que pode asistir de xeito totalmente libre á cita. A actividade enmárcase no ciclo co que a institución académica herculina pretende contribuír ao análise e reflexión sobre o papel e momento actual polo que atravesa a universidade en xeral, sometida a continuos cambios.
O último, o derivado do decreto do ministro Wert polo que se flexibiliza a duración dos actuais graos universitarios –poden pasar de catro a tres anos– dos que aínda están a saír as primeiras promocións de titulados.
Para facilitar a participación da comunidade universitaria, as conferencias programadas no marco do ciclo da UDC vanse desenvolvendo en diferentes facultades e campus da institución académica herculina.

Diario de Ferrol