Non ao cambio inxustificado dos libros de texto

ASEMBLEA INFORMATIVA DE ANPAS: CAMPAÑA “NON Ó CAMBIO INXUSTIFICADO DOS LIBROS DE TEXTO”

O Ministerio de Educación e a  Consellería de Educación cambiará ata 180 novos libros de texto para o despregue da LOMCE o vindeiro Curso que afecta a 1º, 3º e 5º de Educación Primaria e 1º de FP Básica.

A Federaciónde ANPAS de centros públicos xa expresou a súa opinión contraria a unha medida absolutamente innecesaria, que amosa unha vez máis a falla de sensibilidade, a precipitación e as presas por aplicar unha Lei imposta unilateralmente polo Goberno de costas ao conxunto da comunidade educativa, profesores, organización de nais e país, alumnado, e dende Infantil ata a Universidade.

As ANPAS, somos protagonistas principais e copartícipes da campaña, promovida por esta Federación Provincial, CONFAPA-GALICIA e CEAPA, así como das organizacións de profesores e alumnos, integrados na Plataforma en Defensa do Ensino Público. Campaña recentemente iniciada e que se está levando a cabo en toda Galicia e en todo o Estado esixindo a completa financiación do ensino publico con fondos públicos e chamando ás Comunidades Educativas de todos os Centros Educativos á toma de acordos nos Consellos Escolares para que non se cambien os libros de texto que se estean utilizando na actualidade.

Para o conxunto da comunidade educativa, os actuais libros de texto:

  • Son perfectamente válidos e deben seguir séndoo durante un mínimo de seis anos desde o curso para o que foron adquiridos.
  • Os cambios curriculares que se propoñen agora non terán unha gran vixencia e,ademais, non son cambios esencialmente dos contidos, senón do enfoque dos mesmos por motivos ideolóxicos.
  • Existen grandes dificultades das familias para asumir custos pola adquisición de libros de texto e materiais curriculares.
  • Os bancos de libros que se crearon deben seguir sendo usados porque supoñen un capital social que debe ser respectado e defendido.
  • Mantemos como principio irrenunciable que o Ensino Público ten que ser financiado con fondos públicos.

Xunta Directiva

Federación Provincial de ANPAS de Centros Públicos de A Coruña.

Dende aÁrea de Comunicación e Publicacións daFederación Provincial de Anpas de Centros Públicos de A Coruña comunican que

O CONSELLEIRO ANUNCIA O MANTEMENTO DOS LIBROS DE TEXTO PARA O VINDEIRO CURSO EN CONCORDANCIA COA RECLAMACIÓN FEITA POLA PLATAFORMA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO.

Di textualmente Jesús Vázquez, que non obrigará ao cambio de manuais no vindeiro curso, sinalando que “hai marxe para que os novos contidos e as novas metodoloxías poidan ser adaptadas nas aulas”

Engaden que “Malia que nos congratulamos coa decisión tomada polo Conselleiro, desde a Plataforma en Defensa do Ensino Pública, queremos facer constar que continuaremos a esixir o completo financiamento do ensino público con fondos públicos, reclamando a recuperación da gratuidade dos libros de texto e a potenciación de alternativas como os bancos de libros ,xa creados en numerosos centros, que deben seguir sendo usados porque supoñen un capital social que debe ser respectado e defendido”.

“Así mesmo emprazamos ao Conselleiro a entablar un diálogo que nos permita facerlle chegar o noso posicionamento noutras cuestións que son inherentes ao desenvolvemento e implantación da LOMCE na nosa comunidade.”

Dende a Plataforma tamén se lembra que “a utilización dos libros de texto non é obrigada desde un punto de vista pedagóxico” e que “cada vez existen máis docentes e centros educativos que non os usan habitualmente, salvo como materiais existentes nas bibliotecas de aula, e que se debe camiñar nese sentido para que sexan os docentes os que desenvolvan o seu labor coas súas propias unidades didácticas, elaboradas en función do alumnado que teñen nas súas aulas”. Pero de igual xeito subliñan que “é evidente que os libros de texto son considerados aínda por moitos docentes como materiais imprescindibles para poder impartir as ensinanzas e así os solicitan ás familias, que deben afrontar os custos da súa adquisición, posto que iso non é asumido na súa totalidade polas Administracións”.

“A utilización dos libros de texto non é obrigada desde un punto de vista pedagóxico” e que “cada vez existen máis docentes e centros educativos que non os usan habitualmente, salvo como materiais existentes nas bibliotecas de aula”