MÚSICA, MAXIA E XOGOS para os nenos e nenas

O Concello de As Pontes volveu apostar, un ano máis, por unha extensa programación cultural de Nadal onde os máis pequenos son os auténticos reis e raíñas de cada actividade. E é que a música, a maxia e ata o cine forman parte dun programa que arrinca este mesmo sábado, na biblioteca municipal, onde dende as 11.00 horas se procederá ao tradicional engalanado da sala infantil da biblioteca, a cargo de todos os nenos e nenas que desexen realizar debuxos e manualidades nesta aula.
A música tamén contará cun gran papel nestas festas e é que para este domingo está programado o Concerto de Nadal da Agrupación Coral Endesa, as Cantareiras de Alende e a Coral Polifónica Bugallido que, dende a unha da tarde, e na Casa Dopeso ofrecerán un recital ateigado de panxoliñas e temas propios destas festas.
A música continuará tamén na vindeira semana, o día 18, co concerto no auditorio municipal Alovi da Banda de Música do Conservatorio; o día 19 cos alumnos da Escola Municipal de Acordeón que ofrecerán un recital no Centro Social da Terceira Idade e o día 20 co concerto do quinteto Ardoira no Conservatorio Municipal.
Xa para o día 22 a Rondalla será a protagonista cun concerto de nadal no que contará coa compaña dos alumnos do Conservatorio, na Casa Dopeso, ás 19.00 horas. Non podían faltar os integrantes de Alende cos seus aguinaldos, que poderemos escoitar os días 26 e 28 polas rúas do centro do pobo. Para pechar a parte musicada deste Nadal de 2012 teremos xa en xaneiro a actuación de Mamá Cabra, programada para o día 2 ás 18.00 horas.
De seguro que unha das actividades que máis asistencia rexistrará será o salón Mundo Xogo que, dende o día 22 e ata o 30 de decembro, permanecerá instalado no Mercado Vello. Xogos coma o escalextric, obradoiros de plastilina, cociña ou fimo, puzzles, xogos de cartas e chapas e videoxogos integrarán este programa de actividades que permanecerá aberto entre as 10.30 e as 13.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas durante sete días.
Asemade para o 3 de xaneiro realizarase unha xornada de inchables e xogos gratuítos no pavillón polideportivo. Pero o Nadal tamén ven marcado pola maxia e non podían faltar figuras coma o Mago Teto nestas festas. De feito, o seu novo espectáculo As Novas Tolemaxias estará no alovi na tarde do 26 de decembro pero previamente, xa o sábado da vindeira semana, teremos outro mentalista en As Pontes. Neste caso ao Mago Martín Camiña coa súa montaxe Papá Noel Máxico e na que se mesturarán os xogos de cartas, o ilusionismo e por suposto o humor. O cine non podía faltar nesta programación de nadal con filmes coma o Apóstolo, Ice Age 4 ou Campanilla, El secreto de las hadas, que se mesturarán con outro tipo de proxeccións para o público adulto coma Intocable, El nombre ou El Fraude e que poderemos desfrutar dende o 21 de decembro no auditorio municipal Alovi. Tamén teremos a oportunidade de desfrutar dun novo pase do espectáculo adicado ao Circo do Sol, interpretados polos alumnos das escolas de danza moderna e clásica que o 4 de xaneiro ofrecerá no auditorio municipal Alovi, un novo pase destas montaxe, e, como non podía ser doutro xeito, o colofón a tanta festa virá o 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis que traerá ata As Pontes a Melchor, Gaspar e Baltasar.