Medicalizacion das vidas

Articulo publicado no blog do Departamento de Orientación do IES Salvaterra de Miño (MZUNGU)

Todos seremos enfermos mentais nuns poucos anos? En Estados Unidos xa son case sete millóns de nenos medicados para Trastorno por Déficit de Atención con Hiperactividade (TDAH) e calcúlase que 15.000 deses nenos teñen menos de 3 anos. En Holanda, un importante estudo, xa no ano 2009, atopou que un 34% do alumnado entre cinco e quince anos eran tratados do mesmo trastorno. Pode ser creible que un de cada tres rapaces sexa hiperactivo? Calquera profesional serio sabe que a incidencia está en torno a 2-3% da poboación infantil. Todo o profesorado é coñocedor que nos centros de ensino, cada curso que pasa, hai máis alumnado medicado. O noso non é unha excepción, máis ben ao contrario. Que está a pasar? O norteamericano Allen Frances que dirixiu durante anos o DSM, considerado a biblia de psiquiatras e psicólogos opina, como algús profesionais non paramos de repetir fai 10 anos, que estamos a convertir problemas cotidianos en trastornos mentais. Onte estiven estudando o DSM-5 e, alongouse tanto a listaxe de patoloxía, que vos podo asegurar que eu mesmo me recoñezo en algúns trastornos. Hoxe esquecinme de facer unha chamada, pode que teña unha predemencia; tampouco durmín ben, insomnio postdormicial; as veces como coma un león, seguro que son un comedor compulsivo; cambio de estado de ánimo, son bipolar. En fin vou ir comprando un pastilleiro dos máis grandes. O propio Frances recoñece que infravolaron o poder das farmaceuticas para facer crer a profesionais da mediciña, familias e pacientes que o trastorno psiquiatrico e psicolóxico é algo do máis común e tomar varias “pastis” diarias tamén. Os fármacos son necesarios nos problemas mentais graves e severos  pero o seu consumo para problemas cotidianos pode ter máis dano que beneficio. Cando no DSM-IV se incluiu o asperger  e os outros trastornos do desenvolvemento, o diagnóstico de autismo se triplicou. O mesmo, pero ao bruto, pasou coa hiperactividade pero o seu dianóstico multiplicouse por 40 (sí, sí, 40), por suposto coincidindo co lanzamento ao mercado no ano 1998 desas novas “pastis” de última xeración, que non quero citar, tan caras e coñecidas por tantas familias e que odian tantos rapaciños. Por suposto, a elevada angustia da familia, por exemplo ao escoitar ao profesorado que o seu fillo non progresa como o resto, fai que os profesionais de saúde mental accedan con prontitude a prescribir a medicación. Non hai evidencia científica de que a longo prazo a medicación faga mellorar os resultados escolares, aínda que a curto prazo calme ao alumnado e faga que se centre un pouco. Non estaremos facendo un experimento a grande escala con estes nenos sen saber os efectos adversos que esta medicación pode ter co tempo? Penso, para finalizar, que moito ten que ver nisto a nosa actual cultura hedonista da vida, que busca o benestar a calquera prezo, inmediatamente e, se pode ser, co menor esforzo posible. Non é moi difícil dar unha “pasti” co almorzo ou castigalos sen actividades extraescolares pero non parece tan doado supervisar e axudar cada tarde cos estudos e as tarefas escolares. Estou canso deste post, vou tomar un ibuprofeno!Guiño