Instruccións para as probas de acceso a 1º de grao profesional do Conservatorio.

De acordo co establecido na Resolución da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa sobre a realización das probas de acceso ao curso académico 2020/2021 nos graos elemental e profesional das ensinanzas de música e de danza do 29 de maio, e coas aclaracións do O subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial, as probas de acceso a 1º curso de Grao Profesional deste conservatorio serán do seguinte xeito.

  • As matrículas para a proba poderanse facer dende o mércores 3 ata o venres 12 de xuño. Na seguinte ligazón http://www.educaspontes.es/instrucions_matricula_telematica_acceso/ podedes ler as instrucións para facer a matrícula e mesmo descargar o impreso.
  • As probas serán non presenciais con carácter xeral e consistiran no envío dos vídeos que se explican máis adiante.
  • No caso de que nalgunha especialidade teñamos máis candidatos que prazas ofertadas a proba será presencial no Conservatorio.
  • A data límite de entrega dos vídeos será o día 19 de xuño.
  • Os tribunais para as probas – presenciais e non presenciais – reuniranse os días 22 e 23 de xuño no Conservatorio a partir das 16:00 horas, e estarán formados por un profesor ou profesora de linguaxe musical e outro do instrumento ao que se presente o candidato.

INSTRUCIÓNS XERAIS SOBRE AS PROBAS:

A proba de acceso consiste en demostrar un nivel igual ao exixido nos obxectivos do 4º curso do grao elemental de cada especialidade e consta de dúas partes:

a) Unha proba práctica (instrumento): Consiste na interpretación, no instrumento da especialidade a que opte, de tres obras pertencentes a distintos estilos . Este exercicio cualificarase de cero a dez puntos e cumprirá unha cualificación mínima de cinco puntos para o superar.

b) Unha proba teórico/práctica (linguaxe musical e educación auditiva e vocal) que consistirá exclusivamente nun exercicio conxunto de lectura rítmica e entoación. Este exercicio será elaborado e facilitado a cada alumno polo conservatorio e será o mesmo, tanto para os aspirantes que deban realizar a proba de xeito non presencial como para os que concorran de xeito presencial. Este exercicio farase público tamén nesta web con suficiente antelación. Este exercicio cualificarase de cero a dez puntos, e cumprirá unha cualificación mínima de cinco puntos para o superar.

A puntuación definitiva da proba será a media ponderada da cualificación obtida en ambos exercicios, valorándose a parte instrumental nun 70% e a teórico/práctica nun 30%.

A superación da proba de acceso faculta exclusivamente para matricularse no curso académico en que fose convocada.

INSTRUCIÓNS ESPECÍFICAS PARA AS PROBAS NON PRESENCIAIS.

  • Os/as aspirantes deberán enviar ao centro educativo dúas gravacións de vídeo: unha para que sexa avaliada a primeira parte da proba e outra para que sexa avaliada a segunda parte.
  • Nas gravacións enviadas non se poderá contar con ningún de tipo de acompañamento.
  • Na execución das obras non será necesario que o/a aspirante as interprete de memoria.
  • Para a primeira parte da proba os/as aspirantes achegarán unha única toma de cada peza a interpretar e, se teñen varios movementos, unha toma de cada movemento. Poderán realizar unha toma disinta para cada movemento de cada obra, pero sempre realizando unha interpretación continua de cada movemento ou peza.
  • Xunto co envío das gravacións, achegarase unha relación – un texto escrito – coa indicación dos movementos e compositores das obras interpretadas para a primeira parte da proba.
  • Para a segunda parte da proba os/as aspirantes unicamente poderán achegar unha toma da realización do exercicio, na que se faga unha execución continua do mesmo.
  • En todas as gravacións se indicará o máis claramente posible o nome, apelidos e especialidade a que quere acceder o/a aspirante.

INSTRUCIÓNS PARA A ENTREGA DAS GRAVACIÓNS.

  • Os vídeos poderán estar en calquera formato, pero se recomenda utilizar unha resolución de HD a 720 pixels para evitar un tamaño excesivo.
  • O nome do arquivo de vídeo se recomenda que inclúa os apelidos e nome do alumno, así como a parte da proba da que se trata, e a peza, se se grava en varias tomas.
  • A relación de pezas poderá ser un arquivo de texto ou un PDF indicando os apelidos e nome do candidato/a.
  • Os vídeos poden ser enviados directamente ao correo electrónico conservatorio@aspontes.org. Pódese enviar o vídeo como arquivo adxunto ou un enlace a WeTransfer, Drive, Dropbox, iCloud, Youtube ou calquera outro sistema de almacenamento na nube que permita compartir os arquivos de vídeo. O Conservatorio enviará ademais unha ligazón para cada aspirante a unha carpeta de Owncloud na que poderá subir os vídeos directamente se así o desexa, unha vez realizadas as matrículas.
  • No asunto dos correos electrónicos indicar claramente “Probas acceso conservatorio” e os apelidos, nome e especialidade do aspirante.
  • Se necesita axuda para subir ou compartir os vídeos pode solicitar axuda no correo electrónico conservatorio@aspontes.org ou no teléfono 981440024.