Iniciativa Xove 2016: convocatoria 2016

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convoca o programa Iniciativa Xove que consiste en axudas económicas para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2016, e nos cales as persoas novas sexan as verdadeiras protagonistas, que participarán activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas.

iniciativaxove

A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.

Considéranse áreas de atención prioritarias que se han desenvolver mediante as iniciativas xuvenís as seguintes:

a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que permitan á mocidade concretar as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.
b) Proxectos de fomento de actitudes creativas, innovadoras, participativas e de liderado da xuventude na súa comunidade e no seu contorno, así como de fomento da accesibilidade de mozos e mozas con discapacidade a actividades culturais e de lecer.
c) Proxectos que permitan a participación en experiencias de educación non formal en distintos campos.
d) Proxectos relacionados coa creación de espazos para a comunicación e coas novas tecnoloxías.
e) Proxectos que fomenten a participación e a dinamización das mulleres novas galegas para que colaboren activamente na toma de decisións, na xestión e na execución desde o asociacionismo ou desde os grupos informais.
f) Proxectos que contribúan á conservación do medio ambiente e posta en valor do patrimonio natural.

Destinatarios/as:
a) Os grupos informais de mozos/as que desexen realizar unha iniciativa xuvenil.
b) As asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á mocidade que carezan de interese de lucro e as súas respectivas federacións sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presentan non sexa o mesmo que o de cada unha das asociacións/entidades que as conforman.

Requisitos:
As asociacións xuvenís e as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 8 mozos/as con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos no momento de presentar a solicitude, debidamente identificados/as, e un/unha deles/as asumirá o papel de representante único do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario/a, lle corresponden ao grupo. Así mesmo, será necesario que o grupo teña unha denominación que o identifique.
Só se poderá presentar un proxecto por solicitante e o seu orzamento total non poderá ser superior a 5.000 euros.

Neste enlace podedes ver proxectos subvencionados en edicións anteriores:
http://xuventude.xunta.es/iniciativa-xove.html

O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 4 de abril de 2016.
Pódese tramitar en https://sede.xunta.es/ no procedemento BS306B.
Máis información no DOG do 3 de marzo de 2016 e en http://xuventude.xunta.es/iniciativa-xove.html