III Encontro Galego de Mobilidade Xuvenil


O próximo 9 de xaneiro ábrese o prazo para inscribirse no III Encontro Galego de Mobilidade, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar que se celebrará o vindeiro 4 de febreiro de 2012 na cidade da Coruña.

Este encontro está dirixido a mozos e mozas participantes en programas europeos de mobilidade xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, como son o Juventud en Acción e o Leonardo da Vinci – MOGAL-, no programa galego de mobilidade A Xuventude no Mundo, a técnicos de xuventude e de servizos sociais, dinamizadores xuvenís, entidades prestadoras de servizos sociais , líderes de asociacións xuvenís e mozos en xeral interesados na temática da mobilidade.

O número de prazas para este encontro é de 250 e o prazo de inscrición estará aberto ata o 21 de xaneiro. O formulario de inscrición estará dispoñible na web www.xunta.xuventude.es

Os obxectivos desta xornada son, entre outros, ofrecer un lugar de encontro para o intercambio de experiencias entre mozos e mozas que participaron nos distintos programas europeos de mobilidade existentes; fomentar o Servizo de voluntariado, tanto local coma europeo, como experiencia de aprendizaxe non formal na adquisición de habilidades persoais e profesionais A xornada pretende ser un marco para promover e fomentar a participación xuvenil na sociedade. A través desta actividade presentaranse modelos exitosos de proxectos realizados na nosa comunidade autónoma e que son exemplos de boas prácticas. Serán os propios xóvenes os que transmitan a outros xóvenes as súas experiencias e o procedemento que seguiron para por en marcha os seus proxectos, e poderán debater e expoñer as súas ideas sobre diversas temáticas a través de obradoiros que se realizarán ao longo da xornada.

Durante o encontro presentarase un libro que recolle os proxectos de mobilidade xuvenil xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude durante o ano 2011, concretamente, o Leonardo da Vinci (MOGAL), o Juventud en Acción e A xuventude no mundo III. Será un libro onde o protagonista sexa o traballo dos mozos e mozas galegos,  das organizacións galegas  e dos grupos informais para o fomento da cidadanía europea na nosa comunidade, así como  a participación xuvenil na sociedade.

Durante o 2011 un total de 877 mozos e mozas participaron  nalgún dos 54 proxectos do programa europeo ‘Xuventude en Acción’ aprobados en Galicia. Pola súa banda, o proxecto MOGAL facilitará a inmersión no mundo laboral de 187 mozos e mozas galegos mediante a posibilidade de facer  prácticas laborais en empresas acordes co perfil profesional de cada participante ao mesmo tempo que mellora  o coñecemento cultural e lingüístico do país de destino: República Checa, Italia, Francia, Irlanda e Holanda. No transcurso deste ano foron 138 mozos e mozas os beneficiarios destas bolsas, e 49 beneficiarios realizarán as súas prácticas a comezos do 2012.

Na terceira edición de A Xuventude no Mundo, programa propio de mobilidade  participaron máis de 150 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, os que tiveron a oportunidade de coñecer outra cultura, idioma, costumes e formas de vida, é dicir, apostar pola comprensión da diversidade sociocultural, da aprendizaxe de técnicas non formais que facilitan a convivencia e interacción entre persoas de distintas rexións. Todo isto a través da participación activa en actividades con xóvenes dos países de acollida, pertencentes a outros entornos, adquirindo deste xeito experiencia e coñecementos mediante unha educación non formal.

Os países cos que se levaron a cabo os intercambios foron Italia, Francia, Hungría, Colombia, Chile, República Checa, Rusia, Moldavia, Armenia, Arxentina e Portugal.

Así mesmo, no eido da mobilidade, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado neste ano promoveu 24 prazas de mobilidade creativa en Francia, Reino Unido e Portugal dentro do proxecto Imagina Atlántica, proxecto que promove os intercambios profesionais no eido da arte dixital, co fin de empregar os recursos que ofrecen as novas tecnoloxías da imaxe.

Durante o 2010 un total de 7528 mozos e mozas da Comunidade Autónoma de Galicia  participaron en 22  programas de mobilidade xestionados por diversos departamentos da Xunta de Galicia, dos cales 2563 corresponden a programas da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar.

Trptico_III_Encontro_Galego_de_Mobilidade