II Campus de Verán Científico Técnico alumnado de 4º da ESO e bacharelato

Segunda edición do Campus de Verán Científico Técnico, un programa ameno de aprendizaxe e de convivencia co que se pretende achegar ao estudantado de secundaria e bacharelato a realidade universitaria, a oferta de estudos e servizos da USC e as investigacións desenvolvidas na sede luguesa.

Organizado polo profesorado da sede universitaria luguesa coa Vicerreitoría de Coordinación, e no que colaboran educaBarrié, a iniciativa educativa da Fundación Barrié, e o Concello e a Deputación de Lugo.

Data: Do 23 ao 27 de xuño de 2014

Lugar: Campus de Lugo

Prazas: 90

Unha das novidades do II Campus de Verán Científico Técnico Lugo é a oferta de servizo de aloxamento en Lugo, unha alternativa aberta a todos/as os/as interesados/as, pero pensada para atraer a participantes procedentes doutras localidades galegas e de fóra de Galicia.

Inscrición e matrícula

O prazo de inscrición estará aberto entre o 28 de abril e o 11 de maio a través da páxina web www.usc.es/gl/cursos/campcientec

Campus de Verán Técnico Científico_educaBarrié

Os candidatos/as admitidos/as serán informados por e-mail coas indicacións para realizar a matrícula entre o 15-21 de maio.

A matrícula no Campus (sen aloxamento) ten un prezo de 40 € e inclúe participación nas actividades conxuntas do campus e nun dos proxectos científicos ou técnicos, material necesario para o campus, seguro, xantar nun comedor universitario os cinco días do campus e diploma de participación da Universidade de Santiago de Compostela.

O Campus (con aloxamento) custa 120 € e inclúe todo o anterior máis actividades lúdicas, aloxamento, cea e almorzo no albergue Lug2, con acompañamento de monitores titulados da A.D.C. Lumieira Lugo.

Obxectivos

  • Divulgar e achegar ao estudantado preuniversitario as titulacións científicas, técnicas e de ciencias sociais e Humanidades, así como a investigación desenvolvida nos distintos centros do campus de Lugo.
  • Dar a coñecer a ciencia e a tecnoloxía desenvolvida na sede universitaria luguesa mediante a organización de obradoiros e o desenvolvemento de proxectos científicos e técnicos cuxos protagonistas son estudantes de ESO e Bacharelato.
  • Fomentar o interese polas titulacións científicas e técnicas, así como as do eido das ciencias sociais e humanidades, ofertadas no campus lugués.
  • Achegar información aos futuros universitarios para que poidan elixir mellor os seus estudos.

VER FOLLETO: folleto_campusverancientec_2014_a4