Filosofía no bacharelato

Recollida de sinaturas para esixir a obrigatoriedade da materia de Filosofía no Bacharelato

A Aula de Filosofía de Ferrolterra, que aglutina a docentes desta materia na comarca, está a desenvolver unha recollida de sinaturas, enmarcada nunha campaña a nivel autonómico, para poder presentar unha proposición non de lei de iniciativa popular que permita levar ao Parlamento o debate sobre a Filosofía no ensino.
A mesma ten por obxectivo instar á Consellería de Educación, no marco das súas competencias, a realizar as adaptacións necesarias para incluír na oferta educativa do Bacharelato a obligatoriedade da Historia da Filosofía como materia troncal. A iniciativa, que precisa chegar ás 2.500 sinturas para que poida ser tramitada, insta tamén ao Ministerio de Educación do Goberno do Estado “a propiciar nos traballos para o denominado pacto educativo un debate en profundidade sobre a situación da Filosofía no sistema educativo e a necesidade da súa pervivencia”
O documento da proposición lamenta, entre outras cuestións, a progresiva retirada da educación en filosofía que están a provocar, nos últimos anos, as diferentes modificacións no sistema educativo, a última representada pola Lei Wert, “que comporta a supresión da Historia da Filosofía como materia común para o alumnado que culmina o seu Bacharelato”, salienta a iniciativa popular.

Diario de Ferrol