Festival a favor do proxecto “Semente Trasancos” o próximo día 25 no Auditorio de de Narón

Cartel desta iniciativa

O proxecto pedagóxico Semente Trasancos está a vivir un notable impulso. Esta iniciativa de espazo educativo para nenos de 2 a 6 anos en galego organiza o próximo día 25 de xaneiro, ás 18.00 horas, un variado festival no Auditorio de Narón que tratará de ser o primeiro de moitos máis.
Nel participará o músico e divulgador fenés Xabier Díaz, o trío aresán Os Dous de Sempre +1 e Vai Rañala Meu. Canda eles estará o profesor e escritor Antón Cortizas, que narrará unha das súas historias, e se proxectará unha curtametraxe feita por alumnos do CEIP de San Xoán de Filgueira que promove o uso do galego e vén de recibir o premio “Escola” no Festival de Cine de  Ourense.
Ademais, coas entradas, que están xa á venda a un prezo de 10 euros na tenda de xoguetes didácticos O Muíño do Fabal de Narón e a Fundación Artabria, participarase no sorteo dunha obra do pintor Leandro Lamas.

educación alternativa
Verbo do festival, a presidenta de Semente Trasancos, Iria García, salienta que “aínda que a iniciativa non é a primeira que levamos a cabo, todo o mundo quixo participar e foi moi doado montar o festival”. En canto ao proxecto, García comenta que “Semente leva funcionando tres anos en Compostela e tamén abreu en Vigo con moito éxito. Trátase dun proxecto de espazo educativo alternativo para pequenos de dous a seis anos vertebrado ao redor do uso da lingua galega. A súa base pedagóxica é libre e alternativa e supón un maior contacto coa natureza, así como unha especial estimulación e motivación cara os nenos, cun plantexamento educativo máis conversacional”.
O futuro centro de Semente estará situado na parroquia naronesa de San Mateo, na antiga escola unitaria da localidade.  Desde a organización pedagóxica sinalan que o seu interese é que a actividade comece xa este mesmo curso. Ao redor de 40 familias están interesadas no proxecto que xa levou a cabo varais iniciativas desde 2013 con obradoiros, concertos de Uxía Senlle, participacións nos Maios, no Entroido, etc.

Diario de Ferrol