Eu almorzo no cole

 

AS PONTES DESTINA 40.000 EUROS AO PROGRAMA MUNICIPAL «EU ALMORZO NO COLE»

– Máis de 130 familias benefícianse desta iniciativa.
– Foi posta en marcha polo Concello das Pontes no ano 2009.

 

As Pontes, 27 de xaneiro de 2020. O Concello das Pontes, a través da Concellería de Benestar Social, destina 40.000 euros ao programa municipal «Eu almorzo no cole» durante o curso 2019-2020, un 9% máis que durante o curso anterior.

A concelleira responsable da área, Tania Pardo, sinala que «debido ao bo funcionamento desta iniciativa municipal e a boa acollida, tanto polas nais e os pais como polos menores, o goberno local apostou por incrementar, seguindo a liña de anos anteriores, a contía destinada a sufragar os gastos de infraestrutura e equipamentos do programa, para tratar de dar resposta ás necesidades das familias pontesas que, por cuestións laborais e persoais, precisan deixar aos seus fillos e fillas no colexio antes do inicio da xornada escolar».

Así, durante este curso escolar serán máis de 130 as familias que se beneficiarán deste programa.  No colexio Santa María o número de alumnos e alumnas que participan no programa todos os días ascende a 15 mentres que son 10 os nenos e as nenas que o empregan de xeito esporádico.

No caso do colexio de A Fraga almorzan diariamente 25 alumnos e alumnas, con idades comprendidas entre os tres e os doce anos, e 10 menores acceden a este servizo en días soltos, mentres que no CEIP A Magdalena o número de beneficiarios e beneficiarias do programa «Eu almorzo no cole» ascende a 80, sendo 50 os nenos e nenas que o empregan cada día e 30 usuarios e usuarias fan uso de xeito puntual, en días soltos.

O programa municipal «Eu almorzo no cole», posto en marcha polo goberno local no ano 2009, tamén busca promover hábitos saudables entre os rapaces e rapazas beneficiarias, a través de propostas de almorzos baseadas no consumo de froitas, lácteos e cereais así como mediante actividades lúdicas complementarias, relacionadas coa dieta e a práctica de exercicio físico.