Estrea

AS PONTES ESTREA A CURTAMETRAXE «NUNCA MÁIS» GAÑADORA DO V CONCURSO DE GUIÓNS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

 

As Pontes, 25 de novembro de 2019. A Casa Dopeso, no Concello das Pontes, acolleu esta tarde a estrea da curtametraxe «Nunca máis», unha peza audiovisual baseada no guión do alumnado do IES Moncho Valcarce, gañador do V Concurso de Guións contra a violencia de xénero da Deputación da Coruña.

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, felicitou ao alumnado do centro, que obtén este premio por segunda vez na súa historia, e  subliñou a importancia do papel que xogan as institucións públicas na loita contra a violencia de xénero. «Debemos poñer no centro da nosa actividade a erradicación de todo tipo de expresións de violencia machista e comprometernos a realizar un maior esforzo, coa obriga de articular medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres vítimas de violencia de xénero», afirmou González Formoso, que incidiu tamén na importancia de actividades coma esta, que contribúen á sensibilización dos nosos mozos e mozas.

Antes da estrea da curtametraxe,  proxectouse unha reportaxe sobre unha das accións de sensibilización posta en marcha polo Concello das Pontes durante o mes de novembro, ao abeiro da campaña «En Negro contra as Violencias».

A través de diferentes intervencións educativas, achegouse aos nenos e nenas dos clubes deportivos municipais a importancia de valores como a corresponsabilidade, a igualdade ou a ruptura dos estereotipos de xénero, «ferramentas indispensables para a loita contra a violencia de xénero» subliñou a concelleira de igualdade do municipio, Tania Pardo.

Tras a proxección da reportaxe, elaborada polo persoal da televisión local das Pontes, tomou a palabra María Muíño, deputada de Igualdade, quen felicitou tamén ao alumnado e ao profesorado do IES Moncho Valcarce de As Pontes e anunciou que a curtametraxe se difundirá nos centros de ensino do país e estará en libre disposición na rede.

«O obxectivo desta convocatoria, coma outras que promovemos na Deputación da Coruña, é fomentar o proceso de reflexión e debate nunha idade en que é de especial importancia traballar na prevención do machismo», sinalou María Muíño.

«A Deputación da Coruña está á cabeza do compromiso institucional contra a violencia machista e, de maneira especial, de concienciar e previr o feminicidio entre a poboación máis nova», afirmou a deputada.

A continuación procedeuse á proxección da curtametraxe «Nunca máis», peza na que se amosa a historia dunha relación tóxica de control onde a muller descubre a gaiola na que se atopa pechada e decide saír.

Tras a proxección da curtametraxe, o profesor Omar Rabuña, titor do obradoiro e editor da peza audiovisual, e o alumnado que participou no proxecto, responderon ás preguntas do público, nunha breve charla coloquio.