Encontros de xuventude

Política Social anima a mocidade galega a participar no desenvolvemento da programación de Xuventude a través dos 14 encontros que manterá ata o mes de abril

PDF Imprimir

Xoves, 03 Marzo 2016 09:01 ultima_noticia

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, mantivo hoxe no Espazo Xove de Noia a terceira xuntanza de traballo cos mozos e mozas das comarcas de Noia, Muros e O Barbanza que participaron ao longo de 2015 nos diferentes programas postos en marcha pola Dirección Xeral, entre eles Iniciativa Xove, Voluntariado Xuvenil, Galeuropa ou Deseñando o teu futuro.

A directora xeral asegurou que “estas xuntanzas forman parte da política de participación da mocidade nos temas do seu interese, xa que consideramos prioritario que tomen parte activa e se impliquen ao máximo nos plans de futuro e no desenvolvemento da programación de Xuventude”. Cecilia Vázquez tamén dixo que “é imprescindible coñecer de primeira man cales son as inquedanzas e demandas dos mozos e mozas mediante a súa participación directa, para que os nosos plans e propostas se adapten ás súas preferencias”.

Estes encontros teñen como obxectivo escoitar as conclusións dos mozos á hora de participar nos diferentes programas, co fin de coñecer as súas ideas, queixas ou dúbidas pararecollelas e así poder mellorar as prestacións dos recursos que a Dirección Xeral programa para os mozos e mozas de Galicia.

Ademais, Cecilia Vázquez tamén mantivo unha xuntanza con alcaldes e concelleiros de xuventude destas comarcas, co obxectivo de coordinar e mellorar as políticas de mocidade que se prestan de xeito conxunto entre os concellos e a Administración autonómica e poder presentar a programación da Dirección Xeral para 2016.

En total, nos meses de febreiro, marzo e abril Cecilia Vázquez celebrará un total de 14 encontros con mozos e mozas de toda Galicia e cos responsables de xuventude dos concellos, das que xa se celebraron a de Chantada e Lugo. Ademais desta de Noia tamén se celebrarán en Melide, Ferrol, A Coruña, Lalín, Vilagarcía, Pontevedra, Santiago, Ourense, Vigo, Betanzos e Carballo.

www.xuventude.net