Dúas convocatorias diferentes esixen na cidade naval a derrogación da Lomce

Con dúas convocatorias diferentes, a da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público por unha banda –integrada pola AS-PG, CIG-Ensino, Erguer. Estudantes de Galiza e varias federacións de Anpas

Con dúas convocatorias diferentes, a da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público por unha banda –integrada pola AS-PG, CIG-Ensino, Erguer. Estudantes de Galiza e varias federacións de Anpas, como a de Ferrolterra, entre outros colectivos–, e a da Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia (con presenza de FE-CCOO de Galicia, FeSP-UGT, Escola Viva u Iesga) xunto ao Sindicato de Estudantes e STEG, por outro, desenvolveuse onte unha nova xornada de folga para esixir a derrogación da Lomce e contra os recortes no ensino público. A diferenza das últimas mobilizacións, desta volta estaban chamados a secundar o paro todos os niveis educativos, desde Infantil e ata a Universidade.

A doble convocatoria traduciuse tamén, na cidade naval, na celebración de dúas manifestacións diferentes, con saída desde a Praza de España. A pesar de que estaban fixadas cunha media hora de separación, ás 11.30 a da Plataforma Galega e ás 12.00 a do Sindicato de Estudantes, estes últimos adiantaron media hora a súa chegada ao punto de reunión, segundo eles porque “queriamos preparar todo ben e con tempo”, o que provocou que coincidiran ambas as dúas coas súas respectivas pancartas e consignas no punto de partida das marchas, o que desde logo non foi ben recibido polos convocantes da primeira mobilización.

A partir de aí, os colectivos iniciaron, cada un ao seu debido tempo, sendas machas polas rúas da cidade naval para esixir a derrogación da Lomce.

reivindicacións
Desde a Plataforma Galega amosaron unha vez máis o seu rexeitamento á Lomce, aos recortes no ensino público e pediron a restitución dos dereitos laborais e salariais do profesorado así coo a mellora da calidade no ensino mediante unha lei galega de educación.

A Federación Comarcal de Anpas de Ferrolterra, integrada na devandita plataforma, esixe que se cumpran as promesas electorais e se derrogue inmediatamente a Lomce, para oq que non hai máis que “restablecer a LOE coa redacción anterior á aprobación da Lei educativa do PP, solicitando ao mesmo tempo a constitución de mesas de traballo coa totalidade das organizacións que representan ao conxunto da comunidade educativa para elaborar un modelo educativo de consenso.

Pola súa banda, desde o Sindicato de Estudantes e a Plataforma a nivel estatal –que onte protagonizaron a manifestación máis concurrida– din que “de nada valen as boas palabras e promesas dun pacto educativo cando os feitos van en camiño contrario”, como é, engaden, a presentación dun recurso no Tribunal Constitucional para que a proposición de lei para derrogar a Lomce non sexa tramitada no Congreso dos Deputados. “Vulneran así a separación de poderes e actúa así desprezando á comunidade educativa e ao poder lexislativo onde reside o poder popular”.

No que atinxe ao seguimento da xornada de folga de onte, desde as dúas plataformas volorouse como moi positivo, xa que nalgún centro chegou a secundar a folga o cento por cento do alumando e gran parte do profesorado, mentres que noutros a incidencia foi menor. Desde a Consellería de Educación cifrouse nun 11,4% o seguimento do persoal dos centros.

Diario de Ferrol