Danza oriental en As Pontes

A danza oriental volvía a As Pontes o sábado cun espectáculo da man da Compañía Shakty Danza, convidada pola Concellería de Servizos Sociais e Centro de Información á Muller.  Ó longo de hora e media de duración e coas ilustradas introducións de Isa O´Connor, o público asistente puido disfrutar da danza de case unha vintea de bailarinas que amosaron diferentes estilos e técnicas.
Foi unha gala moi lucida e sobre todo, con moita máxia e cor, na que elementos como as ás de isis, os veos,os abanos,e mesmo sables e candeas, achegaron toda a riqueza de esta danza dentro dun espectáculo moi visual e creativo A exhibición de danza oriental que se ofreceu no auditorio municipal Alovi incluíu tamén Bollywood, un estilo moi popular na India, e Tribal Fusión modalidade na que a danza oriental tradicional se mestura con outros bailes, estilos e disciplinas africanos e contemporáneos. Houbo tempo tamén para intercalar tres cancións do ferrolán Marcos Mella, un cantautor que interpretou en directo tres dos temas que inclúe no disco que está a piques de saír, entre eles o que lle dará título: La canción del bolsillo roto.
Tamén subíu ata o escenario a actual pediatra do centro de saúde de As Pontes, que avalou o beneficiosas que son estas danzas para as mulleres preñadas, e igualmente en calquera outro momento da súa vida, polo que aportan en saúde e benestar. A boa nova viña da inminente recuperación das clases de danza oriental na nosa vila, logo da exitosa experiencia de catro meses, que levou a cabo a mesma Rosa Salanova, directora do grupo que visitou o sábado As Pontes, e que está adicada dende hai anos ó ensino e difusión da danza oriental.