Curso Piragüismo

O Concello e o Grupo Xuvenil de Piragüismo organizan uns cursos para levar este deporte aos máis pequenos. Os estudiantes de Educación Primaria poderán tomar parte nunhas clases que arrincan este sábado na piscina municipal

O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Deportes e coa colaboración do Club de Piragüismo Grupo Xuvenil Endesa – As Pontes, ofrecerá o vindeiro mes de febreiro uns cursos de iniciación e perfeccionamento de piragüismo e kaiak polo.

Estas clases, que serán totalmente gratuítas, arrincarán o vindeiro sábado, 5 de febreiro, e desenvolveranse todos os sábados do vindeiro mes na piscina climatizada municipal, en horario de 18.00 a 19.30 horas.

O curso estará aberto a rapaces e rapazas de Educación Primaria, de entre 6 e 12 anos que deberán saber nadar para asistir a estas clases que terán un límite de prazas de 25, aínda que neste primeiro sábado está previsto que se organice unha xornada de portas abertas co fin de avaliar o nivel inicial de todos e cada un dos pequenos e pequenas que decidan tomar parte nestas clases e, deste xeito, idear diferentes grupos de traballo de acordo co nivel de cada un.

Asemade, os pais ou titores dos alumnos poderán participar nestas actividades ou asistir como público xa que a entrada á piscina municipal será totalmente libre.

Dende o departamento municipal de Deportes quixeron animar a todos os rapaces e rapazas a tomar parte nestas clases coas que tamén colabora o colectivo de ANPAS Abrente, xa que se trata dunha oportunidade única para desfrutar e coñecer, máis polo miúdo, unhas actividades deportivas tan relevantes nestes anos en As Pontes, como son o kaiak polo e piragüismo e que tan bos resultados deron para o palmarés deportivo do municipio.

Inscricións

Para tomar parte nestes cursos tan só é preciso cubrir unha ficha que se pode descargar dende a páxina web do Concello, no enderezo www.aspontes.com, ou ben recoller no pavillón polideportivo municipal, debendo ser entregada o venres anterior ao día de celebración dos cursos e na que tamén se inclúe o equipo que deberá levar cada pequeno.

Para obter máis información tamén é posible contactar coa responsable da iniciativa, a técnica deportiva municipal, no enderezo electrónico ana.alonso@aspontes.org, telefonando ao 667 19 20 99 ou ben achegándose ata as oficinas do departamento de Deportes, no pavillón municipal, de luns a xoves, en horario de 09.00 a 13.45 horas, ou os venres na Casa Dopeso, entre as 09.00 e as 13.45 horas.