Curso de agricultura ecolóxica en San Sadurniño

“Sansa xove: o novo rural” é un proxecto deseñado polas áreas de Emprego e Desenvolvemento Local que ten como obxectivos a concienciación da mocidade con idades entre 16 e 35 anos sobre as oportunidades laborais que ofrece o medio rural, contribuír ao asentamento da xente nova no territorio, mellorar o coñecemento e as habilidades deste ámbito da poboación para adaptárense ao mercado laboral, o fomento do uso das TIC como ferramenta de aprendizaxe para o traballo e, por último, prestarlles servizos de orientación laboral e asesoramento para o emprendemento. Estes contidos abordaranse nun curso centrado na agricultura ecolóxica que se desenvolverá desde o 30 de outubro ata o 15 de decembro. O prazo de inscrición abre o próximo martes, día 13.
Serán 180 horas
que abordarán a prevención de riscos laborais na agricultura, a comercialización e venda electrónica, a transformación e obtención de maior valor engadido e varios módulos transversais, como son o de busca de emprego, o de emprendemento e o de igualdade. Porén, o groso do programa ocuparase das técnicas empregadas na produción de alimentos ecolóxicos e, nomeadamente, na agricultura, na fructicultura, na apicultura e na avicultura.

Ofertaranse 15 prazas e dirixidas a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos. A prioridade de acceso establecerase atendendo a perfís con baixa ou nula cualificación, persoas demandantes do primeiro emprego e pola antigüidade como demandantes, dándolle prioridade no caso de empate ás mulleres.

O curso -que non conleva achega económica para as persoas participantes- comezará o 30 de outubro e finalizará o 15 de decembro en horario de 8.30 a 14.00h. de luns a venres.

O prazo de inscrición permanecerá aberto do 13 ao 27 de outubro -ambos incluídos- e deberá facerse enchendo o formulario dispoñible ao pé desta nova que despois se deberá remitir cuberto a orientacion.laboral@sansadurnino.gal.

Outra opción é pasar polo Concello e apuntarse de forma presencial, tanto na Oficina de Emprego e Desenvolvemento local como na de Orientación laboral. Hai máis información chamando ao 981 490 027 (ext. 2).

A iniciativa “Sansa xove: o novo rural” levarase a cabo coa colaboración da Asociación Agroecolóxica A Cortiña, creada o ano pasado co obxectivo de mellorar a formación no referido á agricultura ecolóxica e ofrecer asesoramento na posta en marcha de experiencias agrogandeiras. Sansa xove conta, ademais, con financiamento da Federación Española de Municipios e Provincias e do INJUVE dentro dunha convocatoria de subvencións para proxectos que fomenten a capacitación e a inserción da xente nova no mercado laboral. A esta convocatoria concorreron 424 propostas de todo o Estado entre as que, finalmente, foron elixidas 30. San Sadurniño é o único municipio galego que forma parte dos elixidos e beneficiarase dunha axuda de 4.500 euros.

Mais info: Concello de San Sadurniño