Convenios do concello de As Pontes no eido educativo

O CONCELLO DE AS PONTES RENOVA O SEU COMPROMISO CO EIDO EDUCATIVO A TRAVÉS DA SINATURA DE DISTINTOS CONVENIOS DE COLABORACIÓN

Programa “Eu almorzo no cole”

Foto:El Progreso

Asináronse senllos convenios de colaboración cos dous centros educativos que ofrecen o servizo de almorzo no cole, A Fraga e A Magdalena.

O concelleiro de servizos sociais José Alén era o encargado de rubricar estes concertos de colaboración, cos representantes das ANPAS As Medoñas, da Fraga, e Outo Eume, da Magdalena. A Fraga recibe este ano unha subvención de 5.300 euros para o desenvolvemento do seu programa de almorzos, ao que diariamente, de oito a nove da mañá, acuden doce nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Pola súa parte, A Magdalena recibe 6.700 euros para o mantemento dun programa ao que acuden diariamente 17 estudantes. No caso deste centro o servizo Eu almorzo no cole préstase entre as 8 e as dez da mañá, hora de entrada ás aulas. Dúas horas nas que os pequenos comensais, ademais de tomar un completo e variado almorzo, aproveitan tamén para repasar as leccións do día, pintar ou xogar, e sempre acompañados por dúas monitoras. Dase tamén a oportunidade de asitir aos almorzos no centro “en días soltos”, co que ao final do ano, son máis de cincuenta familias pontesas as beneficiarias deste servizo. Eu almorzo no Cole reedítase por quinto ano consecutivo no colexio A Magdalena, e por terceiro no colexio A Fraga. Nambos os dous centros o obxectivo final é o mesmo, axudar ás familias dos estudantes ponteses a conciliar vida laboral e familiar.

Convenio de colaboración con ASPANAES


O alcalde Valentín González Formoso procedía á sinatura do convenio de colaboración con Aspanaes. 10.000 euros recibe este centro para o ano en curso, o 2.013, para cubrir os gastos de escolarización do alumnado, o servizo de valoración e orientación, e a realización de actividades extraescolares que favorezan a integración social do alumnado con espectro autista.