Concurso Euroescola

A Dirección Xeral de Xuventude colabora no concurso Euroscola, un programa pedagóxico baseado no intercambio de coñecementos entre estudantes europeos

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado colabora na XXII edición do concurso Euroscola organizado pola Oficina
de Información do Parlamento Europeo en España en colaboración coa Representación de España da Comisión Europea e a Secretaría do
Estado para a Unión Europea. Este programa pedagóxico de educación en valores consiste nun xogo en liña composto por unha serie de
probas de coñecementos, habilidades, memoria, velocidade, intelixencia e sobre todo, traballo en grupo.

A vixésimo segunda edición do concurso está dedicada aos 30 anos de España na Unión Europea (1986-2016) e desenvolverase a través
dunha plataforma interactiva educativa en internet (www.euro-scola.com). Os obxectivos fundamentais da iniciativa son o fomento
do uso de internet e das novas tecnoloxías como ferramentas educativas, achegar a Unión Europea aos mozos mellorando os seus
coñecementos e implicación na construción de Europa así como fomentar a aprendizaxe das linguas europeas.

A través desta iniciativa se lle da aos estudantes a posibilidade de interactuar e intercambiar información nun idioma distinto ao seu,
e, así mesmo, de dar a coñecer o seu centro educativo e a rexión de procedencia como intercambio de coñecementos que reflicte a
diversidade dos pobos de Europa e enriquece o diálogo cultural.

Viaxe a Estrasburgo

Os equipos gañadores obterán como premio a participación no programa Euroscola do Parlamento Europeo na súa sede en Estrasburgo
(Francia) e unha axuda económica para parte da viaxe. Ademais, todos os participantes poderán optar aos premios que conceda
cada Comunidade Autónoma ou outros organismos colaboradores. No caso de Galicia, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e
Voluntariado será a encargada de subvencionar estes agasallos que consistirán en material escolar.

A participación neste programa é unha experiencia única para que os alumnos dos centros escolares poidan vivir de cerca o proxecto de
integración europea. Os estudantes gañadores de España poderán compartir esta experiencia que os converterá por un día en eurodiputados
na sede do Parlamento Europeo con máis rapaces seleccionados de outros estados membros da Unión.

Toda a información en:
http://www.euro-scola.com/