CASAS NIÑO

A Xunta promove casas-niño de atención á infancia no rural para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral

A Xunta de Galicia pretende promover un modelo de atención á infancia no rural que facilite a conciliación da vida familiar e laboral, de xeito que axude a fixar poboación moza nos pobos e aldeas.

Así, coas casas-niño a Xunta inicia un proxecto pioneiro nas provincias de Lugo e Ourense para poñer a disposición das familias do rural uns servizos de coidado da infancia, de 0 a 3 anos de idade, naqueles concellos nos que non existen nin escolas infantís nin Puntos de Atención á Infancia (PAI), ao tempo que se potencia a posta en funcionamento de novas iniciativas empresarias en zonas rurais. Este modelo xa foi aplicado con  éxito en varios países europeos e noutras comunidades do Estado, como Euskadi.

As casas-niño son domicilios particulares acondicionados axeitadamente para garantir todas as necesidades e a seguridade dos menores de 3 anos, e nos que unha persoa con formación no coidado á infancia acolle a un número reducido de nenos e nenas. Non teñen horarios estandarizados, senón que se adaptan ás necesidades de cada familia, e ofrecen atención persoal, educativa e social.

Para que as casas-niño sexan realidade no 2016 estase iniciando a formación dos potenciais interesados, unha formación especialmente dirixida a persoas en situación de  desemprego que queiran apostar por unha iniciativa deste tipo.