Campaña de esquí da Deputación

O luns remata o prazo para incribirse na Campaña de esquí da Deputación da Coruña

20 de Xaneiro de 2017

O vindeiro luns, 23 de xaneiro, remata o prazo para inscribirse na Campaña de Esquí 2017 da Deputación da Coruña. Os rapaces e rapazas de calquera dos 93 concellos coruñeses nados entre os 2002 e 2006 poden presentar no seu concello a ficha correspondente, que debe estar asinada polos pais ou titor do solicitante, e que pode descargarse da páxina web da Deputación (www.dacoruna.gal).

Nesta edición participarán un total de 500 rapaces que, como é habitual, estarán repartidos en cinco quendas de cinco días de duración cada unha.

Con esta nova edición da campaña, a institución provincial que preside Valentín González Formoso pretende que os rapaces da provincia teñan a oportunidade de iniciarse ou perfeccionar a práctica do esquí, ao mesmo tempo que participan en diversas actividades deportivas e culturais que se organizarán de xeito complementario.

As viaxes terán un custe de 95 euros e inclúen transporte, estadía de cinco días en Leitariegos, clases de esquí, monitores, seguro, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados.

A estación invernal de Leitariegos sitúase no noroeste da provincia de León, na comarca de Laciana, nun excepcional paraxe natural reserva da Biosfera que limita co Principado de Asturias, e conta con 10 pistas balizadas de distintos niveis (5 vermellas, 4 azuis e unha verde) e un snowpark, así como unha escola na que se ofrecen clases de esquí e snwoboard.