Baloncesto

Trátase da primeira iniciativa para agrupar os diferentes torneos 3×3 que hai ao longo do verán en Galicia, serán en cinco datas repartidos nos meses de xullo, agosto e setembro. Un novo concepto que conta co apoio dos torneos máis significativos da comunidade e que se disputará en todas as categorías posibles tanto en feminino como masculino e en categorías mini ata senior. Como gran novidade estes torneos serán puntuables para o circuito FIBA 3×3 e ademais repartiranse máis de 3.000€ en premios.

A presentación deste Circuito Galego ha tido lugar este mediodía en Santiago, máis en concreto na tenda de baloncesto Tiro Libre SQC (principal organizador deste evento) e contou coa xogadora do Sporting CP de Portugal Arantxa Mallou como madriña e co xogador do Obradoiro Pepe Pozas como padriño. Tamén se contou coa presenza de Susana Fernández, en representación da Federación Galega de Baloncesto.

O Circuíto Galego de Baloncesto 3×3 xorde coa intención de incentivar a participación nos diferentes torneos que se disputan en Galicia durante o verán e pretende converterse nunha referencia do basket estival na comunidade. En total disputaranse 4 torneos clasificatorios, con ao redor de 500 participantes, que se corresponden con algúns dos torneos con máis tradición de Galicia: Basket&Music das Pontes (9 e 10 de Xullo), 3×3 Tiro Libre de Boiro (23 e 24 de xullo), 3×3 Carneiro ao Espeto de Moraña (29 de xullo) e o 3×3 UrbanBasket de Viveiro (6 e 7 de Agosto). A gran final na que se reunirán os mellores equipos participantes celebrarase en Santiago de Compostela , o 11 de setembro na praza da Quintana e estará incluída dentro do gran evento que organiza a Federación Española de Baloncesto, Praza 3×3, o evento de referencia do baloncesto 3×3 en España.

Desde a organización quixeron destacar que o desenvolvemento deste Circuito só sería posible grazas á predisposición dos diferentes torneos, o apoio do Obradoiro de Santiago e Breogán de Lugo e á colaboración da FEGABA e a FEB, así como o patrocinio das marcas K1X e Spalding.