Axudas para estudos universitarios por causa sobrevida

A Consellería de Educación convoca axudas destinadas ao alumnado que curse estudos universitarios conducentes ao título de grao, no curso académico 2019-2020, nas universidades do Sistema Universitario de Galicia, cunha necesidade urxente de recursos económicos motivada por causas sobrevidas e imprevistas ocorridas durante o actual curso académico que lle impida ou dificulte a continuidade dos seus estudos.

Requisitos dos solicitantes:
a) Necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida e imprevista ocorrida no actual curso académico (orfandade absoluta; situación de desemprego, falecemento, falta de pagamento acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio, enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar; condición de emigrante retornado; vítima de violencia de xénero; vítima de actos terroristas e outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar).
b) Que a situación sobrevida e imprevista acontecese durante o actual curso académico 2019/20. Entenderase por curso académico o comprendido entre o 1 de xullo de 2019 e o 30 de xuño de 2020.
c) Estar matriculado, no curso académico 2019/20, como mínimo en 50 créditos, en estudos universitarios conducentes a unha titulación de grao, en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia, agás o alumnado ao que lle falte un número inferior de créditos para rematar os seus estudos, que deberá estar matriculado, como mínimo, de 30 créditos.
d) Que a renda per cápita da unidade familiar non sexa superior ao importe anual da pensión non contributiva individual que estableza a Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2020, multiplicada por 1,50.
e) Non ter percibido esta axuda con anterioridade.

Prazos:
– Se a causa sobrevida e imprevista aconteceu con anterioridade á publicación desta axuda , o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 13 de fereiro de 2020.
– Se a causa sobrevida e imprevista acontece con posterioridade á publicación desta axuda, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida sendo. Nestes casos, a data límite para a presentación das solicitudes será o 31 de xullo de 2020

As solicitudes poden presentarse en https://sede.xunta.es/ co procedemento ED433A
Máis información no DOG do 13 de xaneiro de 2020 e en orientacion.sug@edu.xunta.es