Axudas para a aula de Verán «Ortega e Gasset» para bacharelato e ciclos formativos

A Universidade Internacional Menéndez Pelayo convoca 100 axudas para participar na aula de Verán «Ortega e Gasset», que se celebrará no Palacio da Madalena de Santander do 21 ao 26 de agosto de 2016
A aula de verán “Ortega e Gasset” ofrece unha panorámica da situación dos ensinos universitarios en España en diferentes campos do coñecemento, mediante leccións e conferencias impartidas por académicos e profesionais destacados.

Beneficiarios. Poderán solicitar as axudas obxecto desta convocatoria os estudantes que: a) finalizasen o último curso do bacharelato ou do ciclo formativo de grao superior de formación profesional no ano 2016; e b) acrediten unha nota media igual ou superior a 9,60 puntos sobre 10 nos dous cursos do bacharelato ou do correspondente ciclo formativo de grao superior de formación profesional.

Aos estudantes seleccionados a UIMP cubriralles os gastos correspondentes ao seu aloxamento e manutención, en réxime de pensión completa e habitación dobre durante as datas de celebración da aula, o desprazamento dos asistentes desde o seu punto de orixe ata Santander e regreso, cun máximo de 200 euros para os desprazamentos dentro da Península; de 300 euros para os alumnos procedentes das Comunidades Autónomas das Illes Balears e de Canarias e das Cidades de Ceuta e Melilla; e de 600 euros para os alumnos procedentes dos centros docentes de titularidade pública española no estranxeiro.

Así mesmo cubriranse os gastos polos traslados, entradas a monumentos, museos, etcétera, derivados das actividades culturais previstas no programa. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 13 de xullo de 2016. Máis información no BOE do 26 de maio (sección anuncios) e en http://www.uimp.es/