Axudas municipais para material escolar

 O prazo para presentar as solicitudes comeza o martes, 23 de xuño. – Están destinadas á compra de libros, material escolar ou informático

AS PONTES DESTINARÁ 40.000 EUROS ÁS AXUDAS MUNICIPAIS PARA A ESCOLARIZACIÓN

O Concello das Pontes destinará 40.000 euros ao programa municipal de axudas para a escolarización, dirixidas a atender os gastos orixinados polo inicio do curso escolar 2020-2021, un 14,5% máis con respecto ao curso pasado.

Estas achegas están destinadas a atender os gastos de adquisición de libros e material escolar ou informático do alumnado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos do municipio.

No caso do alumnado de Educación Infantil, de 0 a 3 anos, a axuda poderá alcanzar os 30 euros. Para Educación Infantil, de 3 a 6 anos, a contía elévase a 100 euros, ao igual que para Educación Primaria e Secundaria. Os ciclos Formativos e o Bacharelato subvencionaranse con ata 140 euros e o alumnado matriculado en FP básica recibirá axudas de 80 euros.

Para solicitar estas achegas é necesario figurar no padrón das Pontes, ter un ingresos anuais que non superen os 20.500 euros e ter presentado a solicitude de reserva de matrícula ou de admisión nun centro público da localidade, no caso do alumando de BACH e ciclos formativos, e estar ao corrente coas obrigas fiscais da Axencia Tributaria, Seguridade Social e Concello de As Pontes.

Unha vez que a persoa beneficiaria este en posesión da achega para a escolarización, poderá adquirir os libros, material escolar ou material informático, nos establecementos do concello, a súa libre escolla, antes do 10 de novembro de 2020.

As solicitudes, así como a documentación esixida, poderán presentarse a través da sede electrónica municipal ou no rexistro xeral do Concello (con cita previa chamando aos teléfonos 667129389/667129380) en horario de 08:30 a 13:30 horas, nun prazo de 20 días naturais a contar desde o día 23 de xuño.

Asemade, abrirase un prazo extraordinario en setembro (desde o 21 ao 30 de setembro de 2020), para aquel alumnado que por obrigación ten que formalizar a matrícula en setembro.

Pódese obter máis información sobre estas achegas no Boletín Oficial da Provincia 88, do 16 de xuño de 2020 na páxina na web www.dicoruna.es, ou ben achegarse ata o departamento de Servizos Sociais, ubicado no segundo andar da Casa Dopeso.

BASES AXUDAS ESCOLARIZACIÓN