Axudas Familiares para a boa alimentación infantil

O departamento municipal de servizos sociais abiru hoxe o prazo para optar a unha nova liña de axudas familiares, dirixidas neste caso a fomentar a boa alimentación dos máis pequenos da casa durante os meses de verán.

Así as cousas, dende a concellería que dirixe José Alén, manterase ata o vindeiro día 30 o prazo para poder beneficiarse dunha serie de axudas económicas que permitan garantir unha alimentación equilibrada durante o verán aos nenos e nenas cuias familias se atopen nunha difícil situación económica. De feito, esta é xa a segunda vez que, dende esta concellería se aposta por poñer en marcha esta iniciativa.

O programa, financiado mediante a partida de emerxencia social coa que conta o departamento municipal de servizos sociais, está integrado por unha serie de axudas económicas que irán dirixidas a aquelas familias que se atopen empadroadas no concello de as pontes, e cumpran cuns requisitos determinados de ingresos económicos e que se calcularán mediante o nivel de renda de cada solicitante e os seus xustificantes de hipoteca ou alugueiro.

As axudas están abertas a solicitantes cuios fillos sexan usuarios do comedor escolar e que teñan unha renda familiar inferior ao IPREM, unha vez descontados os gastos de hipoteca e alugueiroPara obter máis información sobre estas axudas familiares, o departamento de servizos sociais conta cun teléfono de atención: o 981 44 10 08 no que se poderán solventar calquer tipo de dúbida ao respecto desta liña de axudas. Asemade, é preciso lembrar que as solicitudes deberán ser presentadas como prazo máximo ata o 30 do mes en curso, nas oficinas de servizos sociais, no segundo andar da casa dopeso.

Asemade, dende a concellería que dirixe José Alén tamén veñen de anunciar que xa se está a traballar na preparación das bases para optar ás axudas dirixidas a mercar material escolar para o vindeiro curso, un novo paquete de medidas económicas do que lles iremos informando.