axudas as familias con fillos/as do Concello de as Pontes

As Pontes pon en marcha un plan de axuda familiar para paliar os problemas derivados do peche do comedor escolar no período estival
O departamento de Servizos Sociais repartirá axudas económicas segundo a renda dos solicitantes dirixidas a que os máis pequenos poidan comer coas súas familias durante o verán dun xeito sano e equilibrado
O Concello de As Pontes, mediante o departamento municipal de Servizos Sociais, ven de abrir o prazo para optar a unha nova liña de axudas familiares dirixidas, neste caso, a fomentar a boa alimentación dos máis pequenos da casa durante os meses de verán e que irán destinadas a aqueles fogares que, por mor da crise, peor o están a pasar. Así as cousas, dende a concellería que dirixe José Alén, manterase ata o vindeiro día 30 de xuño o prazo para poder beneficiarse desta axudas que estarán integradas por unha cantidade económica determinada que se dirixirá a que os máis novos poidan desfrutar no seu fogar e coas súas familias dunha alimentación equilibrada, malia non contar con servizo de comedor escolar durante estas vacacións de verán. Este Plan de Axuda Familiar, incluído na partida de Servizos Sociais dirixida a atender emerxencias sociais, estará aberto a estudantes de todos os centros educativos, non só do C.E.I.P A Magdalena que é o único centro pontés que conta con servizo de comedor durante o curso escolar. Iso sí, tal e como apuntaba o concelleiro José Alén, os solicitantes deberán cumprir unha serie de requisitos económicos para optar a estas axudas. Segundo explicou o edil, os interesados deberán estar empadroados no Concello de As Pontes e presentar, ademáis deste certificado, unha fotocopia do DNI, xustificantes de ingresos da unidade familiar, xustificante de alugueiro ou hipoteca e, de darse o caso, xustificante de asistencia ao comedor escolar. Deste xeito, xa no departamento de Servizos Sociais calcularase a renda familiar para coñecer se o solicitante pode acceder a este paquete de axudas. Mediante este novo programa de axuda familiar, dende o concello de As Pontes e concretamente dende o departamento de Servizos Sociais, volvíase dar conta do seu importante compromiso cos problemas daqueles que peor o están a pasar por mor da crise; un compromiso que queda xa máis que demostrado coas importantes inversións en axudas escolares, programas de emerxencia social ou iniciativas do máis diversas dirixidas a botar unha man aos que máis o precisan. De feito, o propio concelleiro de Servizos Sociais daba conta da intención do executivo local de continuar nesta mesma liña de traballo durante o que queda de lexislatura ao igual que xa se estivo a facer nestes anos atrás, incrementando partidas coma a adicada a axudas para material escolar cun aumento do 800% dende 2007 ou os fondos para emerxencia social, que no pasado exercizo chegou aos 50.000 euros. Finalmente, José Alén demandaba, unha vez máis, unha maior implicación da Xunta de Galicia á hora de axilizar a concesión de axudas tipo RISGA ou de emerxencia social, así coma un incremento destes fondos, unha práctica que, tal e como apuntou o edil, xa se está a levar a cabo en moitos municipios, un deles As Pontes.
Presentación de solicitudes Para obter máis información sobre estas axudas familiares, o departamento de servizos sociais conta cun teléfono de atención: o 981 44 10 08 no que se poderán solventar calquer tipo de dúbida ao respecto desta liña de axudas. Asemade, é preciso lembrar que as solicitudes deberán ser presentadas como prazo máximo ata o 30 de xuño, nas oficinas de Servizos Sociais, no segundo andar da Casa Dopeso.