Atención ás persoas autistas en As Pontes

O Concello de As Pontes e ASPANAES rubrican un acordo de colaboura por valor de 10.000 euros

O alcalde de As Pontes anunciou, durante a sinatura deste acordo, que a intención do executivo local pasa por renovar este convenio o vindeiro ano pero cun incremento nos seus fondos. O Concello de As Pontes e a Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista (ASPANAES) rubricaron hoxe un convenio de colaboración mediante o cal o executivo local destinará 10.000 euros a diferentes actividades desenvolvidas por esta entidade.

O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e a presidenta de ASPANAES, María José Álvarez Folgar, foron os encargados de asinar este acordo mediante o que serán subvencionables os gastos de funcionamento e escolarización do centro pontés de ASPANAES; as actividades do servizo de valoración, diagnose e orientación; a realización de actividades extraescolares ou os gastos da inclusión social das persoas con TEA do centro de día e residencial de ASPANAES. Asemade, tamén se asumirán con esta partida os gastos do campamento de verán e os correspondentes ao programa de respiro para o alumnado matriculado no centro e dos maiores de 16 anos que teñan recoñecido un grao de dependencia ou precisen da atención dun coidador.

Estes 10.000 euros son unha importante axuda para o colectivo de ASPANAES e, nun futuro esta cifra poderase ver incrementada xa que, segundo anunciou o alcalde de As Pontes, a intención do executivo local pasa por prorrogar este acordo e dotalo de máis fondos en vindeiros exercizos, ao entender que a labor que se realiza dende ASPANAES é imprescindible. De feito González Formoso agradeceu o gran traballo que se está a realizar dende ASPANAES e amosouse moi satisfeito de poder contar en As Pontes con un centro que preste un servizo desta índole. Pola súa parte a presidenta de ASPANAES agradeceu esta importante axuda e calificou a As Pontes coma un exemplo de cooperación, xa que con estes fondos poderanse realizar diferentes actividades no centro e que redundarán nunha mellor calidade de vida dos seus usuarios. Durante a sinatura deste convenio tamén se contou coa presenza do edil de Servizos Sociais, José Alén; e dos directores do centro de día e residencial e do centro educativo de ASPANAES en As Pontes, José Manuel Prieto e Cristina Rodríguez.