As Pontes, Experiencia Industrial

Xa é posible formalizar a inscrición para sumarse ás visitas de “As Pontes, Experiencia Industrial”

A concellería de Promoción Económica, Industria, Hostalería e Comercio continúa a traballar no seu programa de impulso de As Pontes como destino de turismo industrial e, tras desenvolver diferentes visitas cos colectivos veciñais da nosa vila a empresas como Delagro, Xaraleira, Prometal ou Adera; dende o departamento que dirixe Montserrat García, vense de poñer en marcha unha nova fase deste proxecto.

Neste caso o que se buscará agora é achegar esa realidade industrial a aqueles veciños e veciñas que non forman parte do tecido asociativo local ou que, por mor doutros compromisos non puideron, no seu día participar destas visitas guiadas ás diferentes empresas locais que se sumaron a este proxecto.

Así as cousas, dende hoxe mesmo xa é posible formalizar a inscrición para sumarse a estas visitas xa que, unha vez que se conte cun número de inscricións determinado, realizarase unha nova visita aínda que, polo momento, está por determinar a empresa que se vai visitar.

Ao igual que nas expedicións gratuítas desenvolvidas nestes últimos meses cos colectivos veciñais da vila, esta visita empresarial incluirá un paseo polo polígono de penapurreira e puntos de interese industrial coma A Vilavella, o lago de as pontes ou o poboado das Veigas e, por suposto, haberá un técnico que se encargará de exercer de guía para os participantes.

Os interesados en sumarse a este novo programa xa poden contactar coa organización no 608 201 251, enviando un correo electrónico a info@turismoaspontes.com ou ben achegándose ata as oficinas do instituto pontés de promoción económica de luns a venres, en horario de 8 da mañá a 3 da tarde.