Anabel Alonso: “A biblioteca é unha institución que axuda á igualdade, un espazo aberto e gratuíto”

 

 

Anabel Alonso: “A biblioteca é unha institución que axuda á igualdade, un espazo aberto e gratuíto”

Este servizo municipal cumpre catro décadas de historia e ela leva traballando entre os seus libros dende 1995

A BIBLIOTECA municipal Enrique Rivera Rouco das Pontes cumpre 40 anos de historia e Anabel Alonso, a cara máis recoñecida entre os libros para as últimas xeracións de ponteses, suma máis da metade no posto de bibliotecaria. “Son moitos anos, xa dende 1995”, di entre risas.

Como cambiou a biblioteca en todo este tempo? 
Cambiou moitísimo. Xa como usuaria recórdoa como unha única sala no baixo do concello. Este local é moito máis grande, ten as salas separadas (infantil, adultos, xuvenil, a recepción, a hemeroteca e audiovisuais) e aínda así o espazo xa se queda pequeno.

E con respecto ao traballo? 
É outro mundo tamén. A informatización cambiouno todo. Antes facíase todo a man. E este último ano acabamos de pegar outro cambio brutal ao entrar no Catálogo Colectivo de Bibliotecas de Galicia.

 

Que supón? 
Un carné único para todas as bibliotecas, algo estupendo para nós e para o socio, que con ese carné pode ir a todas as bibliotecas do catálogo. Estamos entrando por fases pero a idea é que co tempo un socio poida ir a calquera biblioteca de Galicia. Deunos bastante traballo, pola nova base de datos e porque houbo que poñer códigos de barras a tódolos libros, pero é moito máis efectivo para o usuario: amplíase o préstamo en toda a rede, podes renovar dende a casa, reservar un libro e recibir avisos de cando está dispoñible… E outra cousa que cambiou moito nesta biblioteca foi o horario.

Cal é o actual? 
Agora abrimos de 09.00 a 21.00 en horario ininterrompido de luns a venres e os sábados de 09.00 a 13.00 horas, que é un horario bastante completo.

Cantos traballadores hai? 
Catro, unha bibliotecaria, dous auxiliares e unha limpadora.

E cantos socios? 
Agora temos os socios todos, calquera persoa que teña un carné de biblioteca é socia. Pero cando nos cambiamos a este novo sistema había uns 3.500, aínda que  como usuarios activos reais serían uns 500.

Hai moitos préstamos? 
Moitísimos. Dende a crise aumentou moito o préstamo e é un círculo vicioso, canta máis xente vén, máis se corre a voz e máis novidades tes —nunha mirada rápida as estanterías dos últimos títulos compróbase que unha maioría están prestados—. Intentamos ter as novidades máis demandadas polo público, mantendo un equilibrio entre o máis popular e a calidade.

Pero que é o máis popular? 
Novela negra e histórica.

E o que menos se presta? 
Ensaio e poesía. Aínda que estes últimos anos co Reto Lector móvense máis. Estamos moi contentos co balance desta iniciativa. O primeiro ano apuntáronse 70 nenos e 50 adultos.

En castelán ou galego? 
Temos moitísimos lectores en galego pero o groso do préstamo de adultos é en castelán. Nos nenos hai un 50/50. Dálles igual o idioma, levan o libro que lles gusta.

E hai máis mulleres ou homes? 
Ía dicir 80/20, pero esa cifra ao mellor quédase curta. Hai moitísimas máis mulleres que homes. Nos nenos quizais se nota menos, pero aínda así hai máis nenas.

Que é o máis importante do servizo das bibliotecas? 
A biblioteca é unha institución que axuda á igualdade das persoas, é un espazo aberto, gratuíto, onde todo o mundo ten acceso á información e ao ocio e na sociedade na que vivimos, que non é moi igualitaria, é algo moi importante. Ademais son moi fan da literatura e creo no seu valor terapéutico, creo que a lectura axuda na vida e iso é outro dos principais valores. Aquí hai acceso gratis a internet, a máis de 25.000 exemplares… e a posibilidade de ler o libro de moda sen ter que mercalo, pero tamén unha película ou un disco. É a democratización real das cousas. Que unha persoa que ten a necesidade autodidacta non teña a necesidade dos cartos é moi importante.

Nesa democratización, o Concello impulsou este ano a creación das Casiñas de Libros. Que tal funciona a iniciativa?
Funcionan moi ben. Ese fondo fórmase con doazóns, libros expurgados da biblioteca e da propia xente que deixa obras. Paréceme positivo e nótase movemento de libros, que se collen.

Que actividades se fan na biblioteca? 
Os Xoves na Biblio son actividades de todo tipo para rapaces, temos un obradoiro de escrita e tres clubs de lectura: o de sempre, grazas ao que pasaron por aquí moitísimos autores, o Interclubtural, que é para que persoas doutras procedencias se acheguen ao galego e á cultura galega, e Relendo a Vida, que se fai en colaboración co CIM para maiores. Ademais, no verán fanse as actividades ao aire libre co Parque Activo e xúntase aquí todos os martes o grupo poético Alalá. E o Reto Lector.

E cal é o reto da biblioteca? 
Ter máis lectores cada vez, que nos esixan, que nos pidan cousas, que nos planten retos eles… Aínda que hai que recoñecer que hai bastante interacción. Esta biblioteca ten bastante actividade e movemento, e non é un mérito noso. Por un lado é de Sonia Sueiro, porque é moi importante ter unha concelleira que aposte pola biblioteca, e por outra parte, un público que responde.

“A frustración máis grande é non poder ler todo o que pasa polas túas mans, sería imposible”
Un libro para recomendar? 
Tería mil, pero direi un que me pareceu unha preciosidade nos últimos anos, El mundo deslumbrante, de Siri Hustvedt.
Un escritor? 
Son moi mitómana. Encántame Cunqueiro, volvo mil veces e sempre me sorprende. Yasunari Kawabata, porque levo Xapón no corazón, ou Ian McEwan.
Un xénero?
Leo novela fundamentalmente, pero tamén ensaio e poesía.
Recomendar é máis difícil a un adulto ou a un neno? 
A un adulto. Moitos veñen buscando un libro determinado e con outros vas coa técnica de ensaio ou erro ata adiviñar.
Hai que ler o que se recomenda? 
Sería imposible. A frustración máis grande é non poder ler todo o que pasa polas túas mans.
O mellor de traballar aquí?
O trato coa xente sempre dá gusto, es unha privilexiada, falas cun montón de autores e tes oportunidades de aprender moitísimo.
Tamén escribe? 
Publiquei un libro Café só, pero non me dá para todo. Estou no obradoiro de escrita pero escribo menos do que debería.
Aparte da música, algunha outra afección?
Estou no grupo das Cantareiras de Alende. Intento seguir lendo todo o que podo e encántame estudar, estou na Uned.
Fonte:El Progreso