Alcohol e menores

«Non se pode mirar cara a outro lado cos botellóns »

Para o psicólogo experto en prevención de condutas aditivas Manuel Isorna casos coma o da nena madrileña son algo «que xa se vía vir desde hai tempo»

Aínda que non esperaba un final tan tráxico, para Manuel Isorna casos coma o da nena madrileña son algo «que xa se vían vir desde hai tempo». «É común e habitual que todas as fins de semana haxa cantidade de mozos que acoden aos centros de saúde e hospitais por comas etílicos», apunta. -¿Que fallou? -Non esquezamos que estamos falando dunha nena de 12 anos. Non pode ser normal que unha menor poida estar consumindo alcohol a altas horas da madrugada unha fin de semana. Eu sempre digo que o alcohol vai morrer de éxito. A industria do alcohol estao facendo ben co consentimento de todos, e cando digo todos refírome tanto á clase política como á autoridade policial, ao consentimento das familias e de todos nós, que xa nos parece normal ver todas as fins de semana a mozos embriagados e consumindo alcohol. Calquera cidadán europeo que vexa isto bota as mans á cabeza, como mínimo, porque en ningún país europeo son tan permisivos. -¿É culpa da sociedade? -A sociedade non existe. A sociedade está composta por organismos, institucións e persoas que, por un motivo ou por outro, non están cumprindo as súas funcións que están na Constitución. Empezando polo ministro, o conselleiro, a policía e os propios pais, todos teñen responsabilidades. Os pais teñen que saber onde está un menor de 12 anos, alguén lle facilitou o alcohol a esa menor, alguén o vendeu… O peor de todo isto é que vai quedar impune. A min gustaríame saber se realmente se van tomar medidas e se van poñer diante dun xuíz aos responsables, porque aquí hai responsables. Non é a sociedade, son persoas con nomes e apelidos. -¿Deben prohibirse os botellóns? -Os botellóns son unha barbaridade. Eu incluso fun criticado por algún alcalde por dicir publicamente que construír botellódromos é unha aberración. É deber dun alcalde protexer a saúde dos seus cidadáns, pero para os rexedores nos botellóns o problema nunca é o consumo de alcohol por parte dos mozos, son os ruídos e a sucidade… Non se pode consentir e non se pode mirar cara outro lado cando hai centos de mozos e menores consumindo alcohol e están incumprindo a lei. A Fiscalía ten que actuar dunha vez por todas contra quen está incumprindo a lei e esixir responsabilidades.

Fonte: La Voz de Galicia