A primeira Masterclass Solidaria de As Pontes todo un éxito

RTVEume| A primeira Masterclass Solidaria de As Pontes logra reunir a ducias de veciños e veciñas de todas as idades cun obxectivo común: botar unha man a pequenos e pequenas enfermos de cancro.

As Pontes volvía volcarse cunha boa causa e, nesta ocasión, facendo deporte e é que, o pasado sábado, ducias de veciños e veciños da nosa vila de todas as idades decidían colaborar coa asociación Sonrisas Pelonas nunha masterclass onde tivemos dende exhibicións de taekwondo e kick boxing ata xa outras actividades máis participativas coma o bodycombat ou zumba e que fixeron a moitos dos presentes saltar á pista para facer un pouco de exercizo.

Da man das instructoras Iria Rey e Laura Estefanía Fernández, xunto coa responsable de Kimo Kap Galicia, Olalla Sueiro, e a concellería de Deportes dábase vida a esta experiencia pioneira na nosa vila que, de seguro, terá continuidade con vindeiras edicións nas que se poderá continuar a botar unha man a Sonrisas Pelonas, unha asociación coruñesa adicada a botar unha man a pequenos e pequenas enfermos de cancro.

O polideportivo municipal acolleu esta iniciativa na que tamén se contou coa colaboura de negocios locais coma Azaleza, Picariños, Maxdream, Bello sin Vello, Discoteca móvil Pim Pam Pum, Lecar 712, a fotógrafa Carmen Guerreiro ou a asociación Vella Escola que doaron diferentes agasallos, se encargaron de habilitar un fabuloso photocall de Nadal e ata elaboraron un grafitti para a ocasión. Aínda que os auténticos protagonistas foron todos aqueles veciños e veciñas que decidiron poñer o seu gran de area por esta boa causa, entre eles tamén o edil de deportes, Jesús Tembrás, presente durante a convocatoria.

Un grupo deles foron os integrantes do clube Kickboxing Frank que abriron a tarde cunha exhibición desta disciplina deportiva e con diferentes exercizos.

O seu relevo foi para Sonia, Ana, Fran e Juan instructores oficiais de bodycombat que, dende A Coruña e Santiago trouxeron ata As Pontes esta modalidade de fitness baseada na combinación de artes marciais, boxeo e música e que fixo que moitos se animasen a probar e engancharse a esta clase tan boa para o noso corpo coma para a nosa mente. Unha auténtica descarga de adrenalina e de esforzo físico do máis recomendable para baixar os excesos gastronómicos da Noiteboa.

A segunda exhibición da xornada estivo protagonizada polos integrantes da escola de Taekwondo Moo Duk Kwan, e entre eles o pontés Gaby Tembrás que, na compaña de Beatriz Felpeto, protagonizaron tamén un exercizo de estilo libre.

Como punto e final tocaba novamente apelar á participación do público para sumarse a unha masterclass de zumba con Iria, Laura Estefanía e Lydia como monitoras e cun nutrido grupo de xiareiros e xiareiras deste novo estilo de apostar polo fitness pero ao son de temas do máis latinos e movidos.

Por suposto, non faltaron os sorteos de agasallos entre os participantes grazas aos patrocinadores do evento, aqueles pequenos que estiveron a xogar no stand do espazo infantil Picariños ou os que se animaron a mercar un broche ou libreta para botar unha man a Sonrisas Pelonas, un xesto solidario que, de seguro, terá continuidade na nosa vila e que, como experiencia piloto, logrou un moi bo resultado.